1.3.10

Noia: Portos de Galicia, en contra da demolición dos coídos (escollera), pois di que faría desaparecer o porto de Noia


A supresión destes coídos, di Portos de Galicia, "produciría que as aportacións dos ríos colmatasen todo o estuario eliminándose deste xeito a posibilidade de acceder a un dos portos históricos de Galicia"

Esta escolleira forma parte das instalacións transferidas ao organismo portuario no ano 1982 e polo tanto Costas do Estado non ten competencias sobre ela, afirma Portos de Galicia.

Noia, 1 de marzo de 2010.- Portos de Galicia considera que o proxecto de demolición dos coídos da canle de acceso ao porto de Noia, que plantexa o Ministerio de Medio Ambiente a través de Costas do Estado, non beneficiará ao porto, senón que incluso o faría desaparecer.

O organismo portuario sinala que esta actuación non permitirá recuperar zonas ata o momento improdutivas e ademais convertería aquela superficie nunha marisma. Portos de Galicia considera que unha rexeneración integral da ría sería a opción mais axeitada, é dicir, a limpeza de fangos e o saneamento da ría, xa que logo, a supresión da devandita escollera produciría que as aportacións dos ríos colmatasen todo o estuario eliminándose deste xeito  a posibilidade de acceder a un dos portos históricos de Galicia.


Peirao de Noia en 1925. Fotos da estadounidense Ruth Anderson

Portos de Galicia considera que a desaparición destas instalacións privaría á vila de Noia dun dos seus máis importantes atractivos: o do seu porto, no que historicamente existiu un importante tráfico marítimo de mercadorías.

A devandita escollera fora construída a finais nos anos cincuenta sobre un proxecto inacabado redactado no ano 1946, que permitiría manter constantemente auga en toda a superficie. Por outra banda, esta canle de acceso forma parte das instalacións transferidas ao organismo portuario no ano 1982 e polo tanto Costas do Estado non ten competencias sobre ela, asegura Portos de Galicia en nota de prensa.


Obxectos retirados da ría de Noia por Medio Ambiente no último ano

Que pasa entón co proxecto de rexeneración?

O Estado ía investir case tres millóns de euros para dragar a lama da ría de Noia entre a ponte e o malecón de Gasset. A intención era tirar desa zona ata un metro de profundidade da lodeira. Estas obras ían licitarse nos próximos meses (aínda que, como advertimos sempre en Certo, fíense das datas de palacio e logo non corran) e incluirían as toneladas de rebos retirados deses coídos.

Haberá agardar, de novo, e ver se os técnicos das diferentes administracións se poñen de acordo. Tamén habería que pedirlle explicacións a alguén se estivo a facer un traballo que non era da súa competencia (se o que di Portos sobre que as instalacións dos coídos están transferidas é certo, que facía Medio Ambiente estudando a súa eliminación?). Pero iso aínda iría para máis longo...

 

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical