Madrid, 1 de marzo 2010 .- A parlamentaria do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, ven de presentar unha proposición non de lei pola cal insta ao Goberno Central a que as axudas públicas ao sector pesqueiro estean vinculadas ao mantemento do emprego e a unhas condicións sociolaborais dignas para os mariñeiros.
Olaia Fernández Davila denuncia que “nos últimos anos estase constatando un proceso de substitución de mariñeiros galegos na flota española de palangre de superficie que faena nos caladoiros dos océanos Índico, Atlántico e Pacífico por tripulantes doutras nacionalidades aos que se lles impoñen unhas condicións salariais e laborais indignas”.
Ante esta situación, a deputada do BNG ven de presentar unha proposición non de lei pola que insta ao Goberno a vincular as axudas públicas referidas tanto á modernización da flota, á realización de campañas experimentais ou a calquera outra acción ao mantemento do emprego e á existencia de condicións sociolaborais dignas, que se farán constar nas cláusulas para acceder a estas axudas públicas.
Ademais, demándalle ao Goberno español que “realice as xestións necesarias ante a Unión Europea para que as axudas do Fondo Europeo da Pesca tamén estean vinculadas ao mantemento do emprego e á existencia de condicións saociolaborais dignas.
Asemade, a deputada do BNG pídelle ao Goberno español que lle dea instrucións ás delegacións e oficinas do Ministerio de Asuntos Exteriores para que, de xeito coordinado, controlen e verifiquen os dados dos buques de bandeira española no referido ás condicións de embarque e contratación de tripulantes, no relativo ás cotizacións á Seguridade Social, salarios, titulacións e xornadas de traballo.
Axilización das axudas por paro biolóxico
Por outra parte, Olaia Fernández Davila ven de presentar outra iniciativa na que lle esixe ao Goberno Central que cumpra co acordo acadado no Congreso dos Deputados para que se axilice a tramitación das axudas por paro biolóxico.
Davila lembra que o 19 de novembro do ano pasado foi aprobada no Pleno do Congreso por unanimidade unha moción do BNG neste sentido.
Sen embargo, a deputada nacionalista denuncia que “o Goberno non cumpriu co acordo da Cámara e ademais no último borrador da Orde de Axudas non se teñen en conta ningunha das cuestións incluídas na moción do BNG” .
Ante esta situación, Davila pregúntalle ao Goberno por qué non se reuniu cos representantes sociais do sector do mar para tratar da xestión e tramitación das axudas dirixidas aos futuros paros biolóxicos.
No mesmo sentido, pregunta polas razóns polas que o Goberno non tivo en consideración mellorar os mecanismos administrativos que permitan acelerar a tramitación de solicitudes das subvencións, unha vez presentada a documentación correspondente, a fin de evitar demoras.
Por último, a deputada do BNG pregunta se o Goberno ten previsto habilitar un sistema que, previa opción do solicitante, permita coordinar a axuda pagada aos tripulantes polo Instituto Social da Mariña (ISM) co desconto do percibido en concepto de prestación por desemprego concorrente, tal e como se recollía na moción do BNG aprobada o 19 de novembro no Congreso dos Deputados.
Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario