José Manuel Lage reclama que “nin os concellos do Barbanza nin os cidadáns asuman ningún custe para acadar a extensión da cobertura”
-O deputado do PSdeG propón a cobertura vía satélite nas “zonas de sombra de Arousa Norte, Noia e Muros”, estimadas no 2 por cento do territorio autonómico
-Lage Tuñas dixo hoxe que “para os socialistas galegos a cobertura universal de TDT é un obxectivo irrenunciable e imos a ser exixentes coa Xunta de Galicia no cumprimento dos acordos acadados co Ministerio de Industria”
Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2010. O Viceportavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, José Manuel Lage, presentou unha Proposición non de Lei en Comisión na que reclama á Xunta que asuma os custes do mantemento e equipamento para o desenvolvemento da TDT nos concellos de Arousa Norte, Noia e Muros.
Lage Tuñas reclama que “nin as corporacións locais nin os cidadáns teñan que asumir ningún custe para acadar a extensión da cobertura”.
O parlamentario socialista reclama o cumprimento do convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Goberno central en decembro de 2008, polo que o goberno autonómico recibiu “unha importante partida económica do Ministerio de Industria para asumir os gastos de mantemento dos equipos de TDT que está instalando nos concellos”.
Deste xeito debe financiar “todas cantas actuacións sexan necesarias para o desenvolvemento do Plan de Transición” como recordaban hoxe dende o PSdeG.
Lage Tuñas puntualiza que “para os socialistas galegos a cobertura universal de TDT é un obxectivo irrenunciable” e amosouse “sorprendido” pola “intencionalidade da Xunta de Galicia de implicar aos concellos no financiamento de determinadas operacións de desenvolvemento do Plan, especialmente o que atinxe ao mantemento futuro dos equipos e gastos de operación”.
O deputado do PSdeG lembra que os concellos “terían que asumir novos custes sen dispoñer de recursos suficientes”.
Sinal satélite
O parlamentario socialista reclama ao executivo autonómico que garanta a chegada do sinal da TDT a todo o territorio autonómico antes do 1 de abril de 2010, por canto o 3 de abril é a data límite para o definitivo apagón analóxico.
Deste xeito, Lage Tuñas propón que a Xunta recorra ao satélite para facer posible que tamén as chamadas “zonas de sombra” existentes en Arousa Norte, Noia e Muros, poidan recibir o sinal de TDT correctamente.
O Viceportavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia considera que a administración autonómica “ten que facer un esforzo para acadar o obxectivo da cobertura universal” tamén nestas zonas que ficarán sen sinal de televisión e que estímanse nun 2 por cento do territorio da Comunidade Autónoma.
Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia
1 comentario:
Non entendo como este señor non se para a pensar un pouco as cousas antes de falar, que parece que está falando dunha Xunta de Galicia na que nunca puxeron os pés (e estiveron, si, 4 anos, inda que non o pareza).
Agora ataca co tema da TDT:
- Que os concellos non paguen por mellorar a cobertura? Supoño que, de facer os deberes no seu tempo, tampouco pagarían hai 2/3/4 anos. Se eles aprobaron a revisión de licenzas, tamén puideron mellorar a implantación do sinal.
- Garantir o sinal TDT antes do 1 de abril recorrendo ao satélite? Por se non o sabe, para acceder á TDT-SAT, o sinal vai codificado e necesitase que un instalador, aprobado por Abertis (en Galicia supoño que lle toca a Retegal), faga un informe técnico onde inclúa fotografías da zona e medicións que comproben que non chega o sinal, todo para certificar a localización coma "zona escura". Unha vez feito isto, comezará o trámite ante o departamento correspondente para solicitar a activación do servizo mediante decodificadores adaptados. Total de todo, uns 600€ por aparato (que non por casa).
Así que, porque non lanzaron un plan para solventar estas incidencias antes? Non tiveron tempo?
Xa que estaba podía obrigar á Xunta a retirar os TDT convencionais, e regalar os TDT-HD, xa que a maioría da xente non vai poder ver esa televisión de alta definición, da que ninguén falou de momento... por que non interesa.
Publicar un comentario