Busto de Rosalía en Rianxo
Barbanza-Noia, 15 de abril de 2010. Veñen de ser publicadas no boletión oficial da provincia as bases do primeiro premio "Rosalía de Castro" de Lingua, organizado pola Deputación Coruñesa. Non ten dotación económica, é meramente honorífico. Hai só 15 días para presentar propostas. Transcribimos por completo as bases, que obtivemos aquí:
Convocatoria do I Premio “Rosalía de Castro” de Lingua 2010
Coa finalidade de manter viva a memoria de Rosalía de Castro, figura principal da historia da literatura galega e como medida impulsora de normalización lingüística a Deputación da Coruña convoca o I Premio “Rosalía de Castro” de Lingua de acordo coas seguintes:
BASES
1.- Obxectivos
- Recoñecer a aquelas persoas, empresas, asociacións ou entidades que, coa súa actuación, axudan a impulsar a presenza da lingua galega na provincia da Coruña, en particular, e na sociedade galega, en xeral.
- Manter viva a memoria de Rosalía de Castro.
2.- Destinatarios
Poderase outorgar este premio a calquera persoa, empresa, asociación ou entidade radicada en Galicia, entendendo como tales aquelas que teñan a súa sede social ou residencia no territorio da Comunidade Autónoma e aquelas que teñan unha especial incidencia ou desenvolvan a súa actividade na provincia da Coruña
3.-Premios
Establécese o seguinte galardón
a) Un premio que se lle concederá a unha persoa, empresa, asociación ou entidade de ámbito galego, en xeral e na provincia da Coruña, en particular, que destacase pola súa traxectoria na promoción e normalización da lingua galega ou que destacase por actividades que implicasen o espallamento da lingua galega durante o ano en curso.
O Premio “Rosalía de Castro” de Lingua 2010 non ten dotación económica. O galardoado recibirá unha figura acreditativa que está en posesión desta distinción.
4.- Xurado
A proposta para o premio e a escolla do gañador tomaraa un xurado formado por:
· O presidente da Deputación da Coruña ou persoa en quen delegue, que será o/a presidente/a.
· Un/unha representante técnico da Deputación da Coruña que realizará as funcións de secretaría, asistirá ás xuntanzas do xurado, con voz e sen voto.
· Un/unha representante da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
· Un representante do movemento asociativo da provincia da Coruña.
· Un/unha representante dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros de ensino da provincia da Coruña.
· Un/unha representante da Universidade da Coruña ou Santiago de Compostela
· Un/unha representante dos medios de comunicación, nomeado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
· Unha persoa de recoñecido prestixio no seu traballo a prol da lingua galega.
As candidaturas deberán ser avaliadas polo xurado tendo sempre en conta o obxectivo do premio.
5.- Aspectos que se valorarán
Para a concesión dos premios o xurado terá en conta os seguintes criterios:
a. Tarefa continua desenvolta en favor da normalización lingüística do galego.
b. Actuacións concretas en favor da normalización dos usos sociais da lingua galega.
c. Uso habitual e normal do galego nas súas actividades e nos seus servizos.
d. Campañas de información e/ou publicitarias en galego.
e. Contribución á galeguización de sectores de especial relevancia económica, social e cultural.
Ademais dos devanditos, o xurado poderá valorar outros méritos das persoas ou entidades que se propoñan.
6.- Prazos
Logo da publicación destas bases no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, haberá 15 días para que se presenten as propostas. O xurado reunirase no prazo dos 15 días seguintes para votar as propostas presentadas.
7- Sistema de votación
O xurado tamén poderá propor candidaturas. O xurado seleccionará o premiado de acordo coa finalidade do premio. O premio será outorgado por votación do xurado. Será necesaria a maioría cualificada de dous terzos na primeira volta de votacións. De non alcanzarse acordo, procederase a unha segunda votación na que será necesaria a maioría simple. O xurado poderá optar por deixalo deserto. A súa decisión será inapelable.
8- Entrega de premios
A entrega dos premios realizarase o 28 de maio, no transcurso do acto público da III Festa da Lingua, organizada pola Deputación da Coruña.
9- Interpretación
O xurado queda facultado para interpretar as presentes bases.
A Coruña, 12 de abril de 2010
O PRESIDENTE O SECRETARIO
Salvador Fernández Moreda José Luis Almau Supervía
PREMIO “ROSALÍA DE CASTRO” DE LINGUA 2010
PRESENTACIÓN DE CANDIDATURAS
Persoa ou entidade que formula a proposta
Nome ou razón social:
Enderezo postal:
Teléfono:
Enderezo electrónico:
Datos da candidatura
Nome:
Enderezo postal:
Teléfono:
Enderezo electrónico:
Enderezo web (empresa ou asociación):
Ano desde que traballa a prol da normalización da lingua (empresa ou asociación):
Méritos que se alegan (indique as accións que teña entre os seus obxectivos a promoción do idioma galego ou calquera outra circunstancia que considere de interese para valorar a súa candidatura):
Documentación que se achega para acreditar os méritos:
XURADO DO PREMIO “ROSALÍA DE CASTRO” DE LINGUA 2010
Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario