15.4.10

Ribeira: 15 millóns de euros en catro anos para obras na lonxa, aprobados no Consello da Xunta

(Nota da Xunta de Galicia)

Ribeira, 15 de abril de 2010. O Consello da Xunta autorizou o gasto de máis de 15. 700.000 euros para a redacción do proxecto e a execución das obras da nova lonxa no Porto de Ribeira Coa execución deste proxecto, Portos de Galicia fomentará unha maior operatividade nos peiraos da zona que comprende a futura lonxa A aprobación do orzamento destinado a este proxecto é un paso máis dado pola Xunta para a súa axilización

O Consello da Xunta deu luz verde á licitación das obras da lonxa de Ribeira autorizando o gasto de máis de 15. 700.000 euros distribuído en catro anos para a redacción do proxecto e a execución das obras. Deste xeito a Consellería do Mar aposta por reforzar a comercialización e dá outro paso máis para axilizar a súa construción e atender unha antiga demanda dos usuarios do porto desta localidade.

Coa execución deste proxecto, Portos de Galicia fomentará unha maior operatividade nos peiraos da zona que comprende a futura lonxa, a posta en valor e explotación das instalacións, e o desenvolvemento das áreas próximas ao edificio e do porto en xeral. Farao a través dunha mellora na circulación rodada e na comercialización e tamén mediante a integración e protección ambiental do contorno, do control de accesos e aparcamentos e da ordenación da actividade e instalacións da lonxa.

Para iso, Portos de Galicia prevé realizar no recheo anexo ás instalacións do Club Náutico unha estrutura con tres superficies diferenciadas. Unha é a planta semisoto, destinada ao aparcamento e outra a planta baixa, na que se situará a fábrica de xeo, as áreas de exposición, venda, poxa e expedición, ademais de cuartos de exportadores, e
aseos e oficinas. Por último, a planta primeira contará con máis cuartos de exportadores, laboratorio, almacén de caixas e cafetería, entre outras instalacións.

Procedemento de licitación

O procedemento de licitación para a redacción do proxecto e a execución das obras da nova lonxa será mediante concurso público de proxecto e obra. Para a súa elaboración o consello da Xunta autorizou unha cantidade de 15. 700.000 euros sen IVE distribuída en catro anos destinando 500.000 euros para o 2010, a cantidade de 5 millóns de
euros para 2011, o mesmo para 2012 e 5´2 millóns de euros para 2013.

Antecedentes

No 2005, Portos de Galicia rematou as obras de ampliación da explanada de servizos do porto de Ribeira, que comprenderon a construción de novos peiraos de atracada e a creación dunha nova explanada de servizos na que agora se vai construír a nova lonxa. Nese mesmo ano realizouse unha análise da situación operacional na lonxa de Ribeira que detectou carencias na instalación actual. Este estudo foi actualizado no 2008 para fixar con exactitude as necesidades dunha nova instalación. Aínda así, nos últimos catro anos, a falta de acordo entre o goberno anterior e os
axentes implicados tiveron o proxecto paralizado, polo que a aprobación do orzamento destinado a este proxecto é un paso máis dado pola Xunta para a súa axilización. Previamente, para a definición do proxecto Portos de Galicia reuniuse cos sectores implicados e tamén lles solicitou as súas suxestións

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical