29.4.10

Rianxo: O BNG local demanda a retirada do Plan de Ordenación do Litoral por ser lesivo para o municipio

(Nota de prensa do Bng)

Este é o contido íntegro da moción presentada polo BNG de Rianxo encamiñada a amosar o rexeitamento do Plan de Ordenación do Litoral da Xunta (POL) pedindo que o Concello demande a súa retirada por ser lesivo aos intereses de Rianxo.


Afecta cando menos a 500 casas que quedan ao abeiro de distintos graos de proteccion sen que se saiba á luz do documento as afectacións e o grao futuro de afectación.


MOCIÓN

Adelina Ces Quintáns como Portavoz do Grupo Municipal do B.N.G. de Rianxo, presenta a seguinte Moción relativa ao Plan de Ordenación do Litoral, actualmente en fase de consultas ás  institucións locais

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Este Grupo Político ten, entre as súas liñas programáticas, en lugar destacado a defensa e protección do noso medio ambiente, en particular o litoral, e, polo tanto, é partidario de adoptar todas medidas pertinentes para acadar este fin.

O Plan de Ordenación do Litoral (en adiante POL), elaborado pola Xunta de Galiza e actualmente en fase de consultas ás Administracións Locais, foi elaborado cunhas directrices e contén unhas determinacións que desprotexen a nosa costa e o noso litoral fronte ás agresións mais graves que ten sufrido ou  que puidera sufrir no futuro. Non impón ningunha limitación ao sector enerxético, senón que propón a súa ampliación na costa, especialmente da eólica. Non restrinxe para nada as instalacións de acuicultura, senón que avoga pola súa extensión na nosa costa nin as implantacións industriais existentes e non pon couto a implantacións futuras.

En todos estes aspectos o POL é extremadamente desproteccionista da nosa costa e do noso litoral. Para deixar as agresións como estaban e permitir outras novas, dende ningún punto de vista se pode atopar xustificación a este documento concreto do POL.

O POL utiliza conceptos e criterios alleos á realidade galega en moitos aspectos coa conseguintes disfuncións e solucións aberrantes:

A mais grave, a que máis resalta é a “Mellora Ambiental e Paisaxística”. Parte da hipótese de que no litoral galego existía unha franxa de territorio libre de edificación entre o borde do mar e os asentamentos tradicionais, afirmación que se podería soster en costa aberta pero radicalmente falsa nas Rias e na costa abrigada que sempre tiveron asentamentos a carón do mar, entre outros moitos. En definitiva, que os galegos nos enganamos cando nos asentamos hai moitos séculos ao borde do mar.

Baixo estas denominacións de mellora ambiental, corredores ecolóxicos ou de protección de corredor,  máis de cincocentas vivendas de Rianxo se encontrarían afectadas sendo vivendas algunhas centenarias, con todos os servizos e legais e que correríann o risco de ficaren fóra de ordenación e nas que únicamente se permitirían obras de rehabilitación e/ou mantemento no mellor dos casos.

Utiliza criterios levantinos cando da unhas proteccións absolutamente desproporcionadas a calquera rego ou posíbel rego de água; maior protección canto mais cativo sexa o curso de água. Mentras carecen de  protección rios como o Ulla, o Lérez en Pontevedra, hai regatos case inexistentes que chega a protexer medio quilométro ao seu arredor. Isto afecta especialmente ao Araño, Asados ou Isorna.

Como consecuencia da aplicación dos criterios antes expostos, o resultado é que todo o que o POL ten de laxo e desproteccionista en relación á enerxía, industria, acuicultura, recheos, infraestruturas, eucaliptización e o Dominio Público Marísitmo Terrestre, convertese en rigor extremado e desproporcionado en relación á edificación residencial, dotacional e comercial, grande parte moi lonxe da costa e fora dos 500 m. da Lei e Regulamento de Costas e da Louga, pois chega no caso de Rianxo a valora até catro quilómetros augas adentro  polo río Té e os seus regatos arriba.

O Pol contén unha inxente cantidade de erros e aparentes erros que respostan a diversas orixes: erros de grafía, omisións, confusións,..., entendíbeis nesta fase e que non son masivos nen maioritarios aínda que si abundantes. Non menor tamén é o cambio de cor e de cartografía no medio desta fase de consulta, así como a falta de disposicións adicionais que sinalen a concreción real do documento.

Por non citar tamén o ataque directo á autonomía municipal ao entrar de facto nas determinacións propias do planeamento municipal e coutar o seu desenvolvemento futuro cando estamos en pleno proceso inicial de elaborar un PXOM para Rianxo. 


En consonancia co exposto, proponse ao Pleno a adopción do seguinte acordo:

MOCIÓN

1.- Solicitar a retirada do actual documento do POL porque os criterios cos que foi elaborado fan imposíbel que en base a modificacións parciais se poida chegar a un documento válido.

2. - A elaboración de un novo Plan de Ordenación do Litoral con criterios axustados á realidade galega, ponderado e equitativo, que protexa o que realmente hai que protexer e non afecte ao que non debería quedar afectado por un POL ben ideado e realizado.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical