27.4.10

Rianxo: o papel de Rafael Dieste e outros intelectuais nas Misións Pedagóxicas ocupan unha mostra e un ciclo de charlas en Santiago


"Entre 1933 e 1936, o noso país foi o escenario dun curioso proxecto educativo. Ao igual que no resto do Estado, as Misións Pedagóxicas percorreron Galicia tentando achegarlle ao pobo a cultura. Cadros, monicreques, libros, música e mesmo cinema chegaban ás aldeas nunha caravana. Entre os participantes atopamos recoñecidos persoeiros das nosas letras como Rafael Dieste. Agora, unha exposición e un ciclo de charlas en Santiago de Compostela recuperan esta iniciativa única.

Percorrer o país e levando contidos culturais por diferentes vilas. Esta é a curiosa aventura na que se embacaron Rafael Dieste, Ramón Gaya, Antonio Sánchez Bargudo, Cándido Fernández Mazas, Otero Espasandín, Antonio Ramos Varela ou José Val del Omar, entre outros. En concreto, en 1933, unha expedición de seis meses precorreu boa parte da nosa xeografía no marco das Misións Pedagóxicas. Logo desta xira, desenvolvéronse diferentes misións en puntos concretos da nosa xeografía. Eugenio Otero, comisariou a exposición que se pode ver sobre este tema na Casa das Asociacións en Santiago de Compostela. “A misión do 33 é un pouco especial. Por vez primeira faise coincidir o que é unha Misión normal co Museo do Pobo”, explica. Esta iniciativa consistía e dúas coleccións itinerantes de copias dos máis coñecidos autores españois, como Velázquez, O Greco, Murillo ou Goya, que se trasladaban nunha serie de caixas e eran explicados por algúns dos misioneiros. Ademais, copias impresas destas obras se repartían entre os participantes e se deixaban nos centros receptores. “Isto esixía unha determinadas infraestruturas. Tiñan que ser vilas onde puidese, cando menos, chegar unha furgoneta”, lembra Otero. Así e todo, existen imaxes nas que se vé o traslado da caixa co material do Museo en barca entre O Pindo e Corcubión.

As sesións e os libros
Canda ás obras de arte, o proxecto incluía abondosas actividades “O normal era que se inaugurase con algunha conferencia, en moitas ocasións a falar sobre os dereitos. Había un especial interese porque a xente tivese algo de educación cidadá”, explica Otero. “Logo facíanse xogos coas nenos, e era habitual que se cantase. Logo pola noite, cando a xente viña de traballar, púñase música no gramófono, normalmente exemplos de diferentes lugares do Estado e mais algúns temas da propia zona. Tamén de publicaba algún filme documental, e sempre se remataba cunha felícula de Charlot”, lembra o comisario da mostra. Para alén das visitas propias das Misións, o padroado que as xestionaba a nivel estatal distribuiu por todo o país unha serie de bibliotecas con obras para adultos e nenos. En total no noso país quedaron 405 destes lotes, na maior parte dos casos instalados nas escolas das diferentes localidades.

Os monicreques chegaron de Galicia
Malia a que existía un Coro e Teatro do Pobo, formado por preto de cincuenta persoas, non era posible desprazar a grandes distancias esta formación, que tiña a súa sede en Madrid. Para paliar isto, creouse o chamado Retablo de fantoches unha montaxe de monicreques que se estreou precisamente en Malpica en 1933 baixo a dirección de Dieste. Neste espectáculo representábanse farsas de carácter popular que ao tempo tiñan intención educativa. Para este mesmo proxecto o escritor adaptou o romance La doncella guerrera, e a partir dos argumentos do espectáculo artellou o libro O quebranto de dona Luparia e outras farsas. Logo da estrea en Malpica, os fantoches dirixíronse á Fonsagrada, onde a Misión quedou atrapada pola neve. Neses días, o equipo aproveitou para refacer os monicreques, con papel e pasta cocidos nun forno e a colaboración dun carpinteiro e dunha costureira do lugar. Estes serían os bonecos que finalmente seguirían coas Misións por todo o Estado ata 1936. “Comezou en Galicia e logo foi fora, houbo campañas en Burgos ou en Cáceres. Precisamente foi alí, e nunha destas misións, onde Dieste coñeceu a súa muller”. Tamén participou nesta iniciativa, aínda que fóra do noso país, o coñecido pintor Urbano Lugrís, e segundo explica Otero, mesmo Carlos Velo. “Eu teño a idea de que foi nunha misión en Segovia onde colleu afección á cinematografía. Alí había un equipo de cinema moi novo, e se fixo unha filmación. Logo non seguiu colaborando, non sei por qué”.

A achega do país
Canda a estas iniciativas coordenadas desde Madrid, onde o propio Dieste residía, tamén houbo tentativas semellantes xurdidas desde a Universidade de Santiago. “Completamente pola súa conta, Rodríguez Cadarso iniciou unha serie de conferencias pola Coruña e Pontevedra con esta mesma finalidade”, lembra o comisario da mostra. Cando o proxecto chegou aos responsables das Misións en Madrid, felicitaron o promotor e mesmo procuraron evitar solaparse con esta actividade cando programaron as visitas a Galicia. Encol da adaptción de contidos desta iniciativa á realidade do noso país, Otero sinala que, segundo as listas da que el dispón, nas bibliotecas das Misións non se incluían libros na nosa lingua. “En Cataluña si que se enviaban obras en catalán”, puntualiza. Ao tempo, a maior parte dos contidos estaban tamén en castelán. “Dieste explicaba que el falaba galego nos lugares cando o ambiente se prestaba a iso”.

A exposición
A mostra que agora se pode ver en Compostela recolle parte dos contidos doutra exposición maior que hai varios anos puxo en marcha o Ministerio de Cultura e mais a Fundación Francisco Giner de los Ríos. Para alén de diferentes paneis que amosan a aventura que supuxo esta iniciativa, a Casa das Asociacións amosa tamén unha selección de documentos orixinais que explican o vencello galego do proxecto e algunhas das copias do cadros que conformaban o Museo do Pobo. Cartas de Dieste, libros co carimbo das misións ou textos orixinais nos que Ramos Varela explica a súa experiencia nunha destas iniciativas son algunhas das achegas inéditas deste proxecto, que amosa o entusiasmo que tiñan por difundir a cultura daqueles creadores".

Vía http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=16769#

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical