Foto: Joaquín Vilas (Panoramio)
.... Os erros a corrixir son moi importantes. No caso do ámbito do POL, a día de hoxe a “desordenación do territorio” levounos a ter 11600 puntos de amarre en portos deportivos, 2 aeroportos malos que compiten entre si, 2 portos exteriores separados apenas 17 km e un sinfín de paseos marítimos absurdos que urbanizan espacios naturais da beiramar e que hai que arranxar despois de cada temporal forte. A grave desordenación tamén nos levou a que aínda falten por construir nada menos que 22 das 91 depuradoras necesarias nese territorio e a que persistan 1926 puntos de verteduras, todo o cal ameaza gravemente a riqueza pesqueira e marisqueira do noso litoral. A desordenación urbanística e a falta de respecto á lexislación ambiental tamén nos levou ás recentes sentencias do Tribunal Supremo contra o macrorrelleno do porto de Marín e contra a tramitación da licencia dos depósitos de combustible no de Vilagarcía.
A política dos feitos consumados en moitos concellos, ese tristemente famoso “ti vai facendo” que en realidade era un “ti vai (des)facendo”, no ámbito do POL traduciuse nun caos urbanístico que devoraba o litoral galego ata que a Lei 6/2007... paralizou cautelarmente os desenvolvementos urbanísticos na franxa de 500 m desde a ribeira de mar ata que se elabore o POL.
... O litoral galego é moito máis que un solar urbanizable, ou que un terreo a encher con infraestruturas enerxéticas, de comunicacións e plantas de acuicultura. O litoral de Galicia forma parte do patrimonio natural, cultural, etnográfico e identitario non só dos galegos, senón de todos os europeos, e como patrimonio común inalienable debemos ordenalo, aproveitalo de xeito sostible e protexelo por enrriba de calquera interese particular.
... Por iso, dende a SGHN damos a benvida ó Plan de Ordenación do Litoral non só porque é necesario, senón porque, facendo da necesidade virtude, é en liñas xerais un bo plan... De todolos xeitos, a SGHN discrepa con algúns artículos do POL, considera que outros deberan de mellorarse, bota en falla a inclusión dalgún adicional e considera oportuno facer diversos comentarios sobre outros.
... a súa principal carencia (é que) ningún artigo fai referencia á imprescindible campaña de reposición da legalidade urbanística... Ademais, á SGHN demanda que o POL establezca con claridade que os hábitats de conservación prioritaria, os denominados Espazos de interese de taxóns e os espazos de interese paisaxístico quedan excluidos do desenvolvemento urbano, turístico e industrial.
... A SGHN considera preciso que se inclúa unha disposición transitoria que estableza unha moratoria na execución dos PXOM e os plans sectoriais para que se adapten ó POL e ás DOT; senón corremos o risco de que, como os PXOM, dentro de 8 anos os planos sectoriais aínda non se adaptaron.
No caso do Art. 16 considérase moi acertado que para definir os espazos de interese de taxons se teña en conta toda a xeoforma en que aparece a especie, pero ademais da existencia de taxons de Flora Vascular endémicos, vulnerables ou de distribución reducida, debera contemplarse calquera outro taxón incluido no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.
... Consideramos imprescindible que as medidas de integración paisaxística contempladas nos Art. 54 a 62 se fagan extensivas ós proxectos de concentración parcelaria dentro do ámbito do POL.
... A moi sensata recomendación do Art. 61 para que nas áreas de actividade industrial e económica a altura da iluminación se sitúe por debaixo das copas das árbores, co obxecto de aproveitar ao máximo a luz, debera estenderse a todas as instalacións de alumeado público.
É unha magnífica noticia para o medio litoral galego o modelo de sendeiros peonís contemplado no POL, claramente inspirado no modelo europeo de sendeiros de gran e pequeno percorrido e que sen dúbida algunha son moitísimo máis respectuosos, fermosos, sustentables e baratos que o perxudicial e carísimo modelo de paseos marítimos desenvolvido ata agora.
... En síntese, a SGHN quere máis que este POL pero sobre todo, deixando ó lado posibles diferencias con outras entidades ou persoas, a SGHN quere como mínimo este POL. E ademais quere que se aplique real e efectivamente canto antes. Dende hai xa 8 anos, no primeiro contacto con cada novo Conselleiro de Medio Ambiente a SGHN só lle fai unha petición: que cumpra e faga cumprir a lexislación ambiental. Congratulámonos de que, dito con outras verbas, ese sexa precisamente un dos dez principios inspiradores ou obxectivos xerais do POL:
“A transparencia e o respecto, por que sen respecto ás normas e convencións rexionais, nacionais e internacionais democráticamente aprobadas, a convivencia, a paisaxe e o medio ambiente deterióranse, moitas veces de xeito irreversible”.
O texto íntegro da intervención está recollido no PDF SGHN_Comisión_Parlamentaria_POL
Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario