A Pobra do Caramiñal, 25 de maio de 2010. A executiva local da Agrupación Socialista de A Pobra homenaxea este venres a Genoveva Núñez Pérez, Manuel Parada Vilasó e Ángel Ouviña Rey cunha cea na que estarán destacados cargos socialistas galegos.
Segundo nos explica a concelleira socialista Mª Teresa García Guillán "é unha homenaxe moi merecida, pois comezaron a militar e dar a cara coa morte do dictador aínda recente (sobre 1977) e na Pobra o alcalde era Segundo Durán, un tempo ben difícil para ser amante das libertades".
O máis positivo na súa longa traxectoria para estes socialistas que van ser homenaxeados "politicamente foi chegar á Alcaldía entre 1991 e 1999. O que peor leva algún é ver a Isaac Maceiras aínda de alcalde".
Entre os presentes na cea agardan ao secretario xeral do PSdeG neste momento, Pachi Vázquez, así como ao presidente da Deputación coruñesa, o focense Salvador Fernández Moreda, que asiste en calidade de secretario xeral provincial dos socialistas. Tamén teñen confirmada a asistencia da parlamentaria Marisol Soneira e do deputado outiense José Manuel Lage Tuñas, así como numerosos socialistas destas bisbarras.
Entre empanada, croquetas de marisco, polbo, pescada á romana, carne, postre e café falarase, a bo seguro, da situación política actual a todos os niveis. Os que queiran sumarse a esta homenaxe teñen toda a información no cartel adxunto.
Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario