22.5.10

Sanidade: os socialistas alertan dun deterioro de varios servizos sanitarios na comarca, como xinecoloxía e radioloxía


Barbanza, 22 de maio de 2010. A concelleira socialista en A Pobra do Caramiñal, Teresa García Guillán, apuntou onte que "nestes días o xerente do hospital comarcal do Barbanza nos daba unha nova na que o Sergas habilitaba no ambulatorio de Ribeira unha consulta de xinecoloxía: Outra proba máis do abandono da sanidade pública por parte da Consellería de sanidade do PP. A mostra son as declaracións do director médico dicindo que para xestionar a lista de espera en xinecoloxía designa unha matrona para que realice a toma de mostras de citoloxía do cuello do útero".


A política indica que a matrona "é unha enfermeira especializada a través da realización dunha residencia clínica, sempre adoita traballar acompañada por outros profesionais da medicina, (xinecólogo e obstetra) e en ningún caso pode substituílos. Hai que lembrar que unha matrona non ten a formación suficiente para suplir a consulta en saúde dun médico especialista en xinecoloxía, nin dispón dos medios complementarios adecuados para unha exploración xinecolóxica".

 

Por estas razóns, Teresa García afirma que "dende o PSOE non paramos de escandalizarnos, e este profesional médico non debería facer propaganda, senón que a súa obriga é informar á poboación na procura da adquisición de bos hábitos en saúde, coa finalidade da prevención. Unha exploración xinecolóxica componse, ademais da citada citoloxía, da exploración de mamas e axilas, da exploración da vaxina, do corpo do útero, das trompas e dos ovarios co fin de diagnosticar as patoloxías inflamatorias, infecciosas e tumorais que poidan aparecer". "Como recomenda a SEGO (Sociedad Española de Ginecología y Obstetricia), as mulleres deberíamos facernos un exame xinecolóxico completo anualmente, polo tanto poñer unha matrona a disposición das mulleres do Barbanza non é máis que un mínima e incompleta revisión que non suple a do xinecólogo", continúa.

"Pola saúde de todas, acudan o xinecólogo aínda que o PP queira facernos crer que ca matrona é suficiente, da mesma maneira que vamos ó médico de familia cando o estimamos conveniente e este, se o considera  oportuno  vainos desviar a un ATS. A primeira opción cando temos síntomas dalgunha enfermidade é pedir cita para o médico, non para o enfermeiro/a", argumenta.

 

Porén, para unha atención adecuada, o socialistas solicítanlle ao Sergas "poña a disposición das mulleres do Barbanza un xinecólogo nesa consulta de nova creación en Ribeira, mentres non sexa posible esa incorporación e non desaparezan das listas de espera esas 3.000 mulleres que teñen que facer revisión".



Moción por un bo servixo de radioloxía, a pleno


Ademais, Teresa García Guillán presentou a pleno en A Pobra unha moción para reclamar un radiólogo nas gardas hospitalarias do hospital da Barbanza. Como é costume neste xornal, deixámoslle íntegro o texto da moción:


Mª Teresa García Guillán, concelleira do Grupo Municipal Socialista do Concello da Pobra do Caramiñal, o abeiro do disposto no art. 97/3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción relativa a  solicitar a Xunta de Galicia que manteña o posto de Radiólogo de garda no Hospital do Barbanza..

 

                                                        EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

 

A Sanidade é un dos piares básicos do Estado do Benestar, un ben e un servicio que deberá mellorar e crecer, día a día, especialmente a Sanidade Pública, xa que está ó servicio directo de tódolos cidadáns.

 

As prestacións sanitarias a través dun servicio público de calidade ten sido sempre unha aspiración dos socialistas como factor fundamental de cohesión e de benestar social.

 

Froito diso impulsouse por parte dun Goberno socialista e aprobouse pola Cortes Xerais a Lei Xeral de Sanidade no ano 1986, o que universalizou en España a sanidade pública e gratuíta para o conxunto da poboación.

 

A iniciativa formulada pola Xunta de Galicia para que os hospitais comarcais do Salnés, Barbanza e Cee, compartan radiólogo de garda, nos parece unha medida que deteriora claramente a calidade asistencial, ademais de ser inxusta a distribución dos recursos, é que penaliza ós usuarios dos mesmos en relación cos hospitais das grandes urbes.

 

Considerando a importancia dos estudios radiolóxicos e o desenrolo das distintas técnicas, así como a utilización en medicina de urxencias da TAC, (Tomografía Axial Computarizada), para o diagnóstico entre outros de traumatismos craniais e accidentes vasculares cerebrais. A ECOGRAFÍA, (técnica que necesita a presencia física do radiólogo xa que ó usar os ultrasóns, non se obteñen imaxes que podan enviarse de forma telemática) e a súa capacidade de resolución para o diagnóstico diferencial nas patoloxías de orixe renal, biliar, pancreática e xinecolóxica é importante e decisiva.

 

Tendo en conta a importancia diagnóstica nas primeiras horas das enfermidades anteriormente descritas e que a falta de radiólogos en presencia física leva consigo a que no noso hospital en ningún momento se puideran mellorar as súas prestacións sanitarias, xa que a radioloxía intervencionista, básica en enfermidades do sistema circulatorio periférico, sería imposible de realizar.

 

A labor dun radiólogo consiste en supervisar o exame radiolóxico e interpretar a imaxe médica.

 

Considerando a gravidade de patoloxías como os hematomas cerebrais, hemorraxias subaracnoideas, zonas de contusión cerebral, presencia de corpos estraños e fracturas óseas craniais de difícil localización, a especificidade e a importancia diagnostica do TAC, para as mesmas, resalta a necesidade da presencia física do especialista en radioloxía.

 

Un técnico en imaxe non ten a formación específica para determinar que tempo e cortes se descartan ou son necesarios para chegar a un diagnóstico, xa que a técnica TAC  consiste en múltiples cortes milimétricos tanto no plano saxital como transversal. Posiblemente esa falta de pericia profesional poda atrasar e diminuír a eficiencia da calidade asistencial, prexudicando ao paciente estudiado e os que permanezan en espera.

 

Non entendemos esta falta de sensibilidade da Xunta de Galicia cos habitantes da área de influencia do Hospital do Barbanza, cando existen centros de atención primaria dotados de equipos de radioloxía e ecografía.

 

Por todo elo, este grupo que represento solicita a adopción do seguinte

 

ACORDO:

 

Instar a Xunta de Galicia, e concretamente a Consellería de Sanidade a manter a presencia física nas gardas hospitalarias do Radiólogo no Hospital do Barbanza co obxecto de non recortar as prestacións sanitarias na nosa Comarca.

 

Pobra do Caramiñal, a 12 de maio de 2010

 

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical