Lage Tuñas denuncia a "dobre moral de Feijóo e Rueda por teren gastado máis de 10 millóns de euros no primeiro ano de goberno para adquirir máis de 457 coches polo sistema de renting"
Cando foi das pasada eleccións autonómicas, o noso humorista veu así o dos coches
Barbanza-Noia, 22 de maio 2010.- O Viceportavoz do Grupo Socialista, José Manuel Lage presentou hoxe unha proposición non de lei para que “se recorte nun 50% o gasto en vehículos oficiais e se reduza á metade o parque móbil dos altos cargos da Xunta”, como medida de aforro e eficiencia no gasto público. Lage Tuñas sinalou que o goberno galego ten que comezar a dar exemplo tomando decisións, “porque parece un goberno ausente que so ten como obxectivo atacar a Zapatero”
Lage Tuñas dixo que “nun contexto no que se lle piden sacrificios a moitos traballadores, a moitos sectores da nosa sociedade, o que se espera tamén da Xunta de Galicia é sinais de aforro e de contención do gasto”. Por elo apuntou que “en tempos de crise non se lle pode pedir aos traballadores deste país que se apreten o cinturón e ao mesmo tempo que na Xunta haxa máis de 350 coches oficiais recorrendo Galicia de punta a punta a conta do erario público”.
O deputado criticou a “dobre moral” de Feijóo e Rueda e lembrou que a Xunta gastou máis de 10 millóns de euros en adquisición de vehículos para o parque móbil dende a chegada de Feijóo ao Goberno galego e incrementou o parque móbil coa compra de máis de 457 vehículos polo sistema de renting. “Esta é a austeridade de Feijóo”, subliñou Lage, “recortar orzamentos en políticas sociais e comprar máis coches a costa do erario público”.
Lage Tuñas criticou que o Goberno de Feijóo teña actualmente máis de 2.700 vehículos no seu parque móbil, mentres en 2009 a cifra era de 2.248, o que demostra que Feijóo “está a facer xusto o contrario do que prometeu aos cidadáns”.
Por un intre pensamos que Lage Tuñas (á esquerda) ía propoñer que cambiaran os coches por bicicletas, como en Holanda
Derroche e despilfarro
Do mesmo xeito lamentou que a “austeridade” da Xunta consista en prescindir de vehículos con menos de 100.000 km para adquirir coches novos, o que “máis ben é unha clara mostra de ineficiencia, derroche e despilfarro”.
Lage Tuñas tamén recordou que "con Feijóo como Presidente, a Xunta sigue mercando coches de alta gama en plena época de crise, a semana pasada mercaron un C8 de alta gama e fai meses mercaron berlinas superiores para directivos de SOGAMA, entidade dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras". “Pregúntome si xa mandaron cambiar a tapicería de coiro da berlina de alta gama que ten o presidente de Sogama”, cuestionou o viceportavoz do Grupo Socialista
Por todo elo, Lage Tuñas propón a ampliación do período de vida útil do parque móbil, a limitación dos gastos derivados do uso de vehículos oficiais para que soamente os membros do Consello da Xunta e altos cargos con retribucións asimiladas a estes dispoñan de vehículo con conductor, e a remisión ao Parlamento cada seis meses dun informe onde figuren as operacións de adquisición de vehículos da Xunta.
O deputado do PSdeG agarda que o Partido Popular vote a favor desta proposta no pleno do parlamento xa que “non se pode predicar unha cousa e facer outra”.
Rectificación de Feijóo sobre o decreto do galego
O Viceportavoz do Grupo Socialista tamén abordou na rolda de prensa de hoxe a situación pola que atravesa a lingua galega nestes momentos de "ataque sistemático por parte do goberno galego". Lage Tuñas considerou que "Feijóo debe rectificar na súa política de confrontación a conta da lingua galega" e entende que "o primeiro paso é paralizar a entrada en vigor do decreto do galego no ensino, xa que o idioma propio de Galicia precisa de discriminación positiva e este decreto supón unha clara involución".
"Primeiro Feijóo que rectifique e paralice o decreto aprobado xa que ten á comunidade educativa en contra e a institucións como o Consello da Cultura Galega ou a Real Academia.", sinalou.
"A rectificación e a paralización do decreto permitiría abrir un espacio para o diálogo, que ten no parlamento un escenario natural para buscar un amplo acordo político e social que teña como punto de partida o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXLNG), apuntou Lage Tuñas.
"O Presidente Feijóo intentou dividir á sociedade introducindo un problema que non existía en Galicia. Os cidadáns galegos síntense orgullosos da súa lingua e cómodos ao utilizar tanto o galego como o castelán na súa vida diaria" afirmou o parlamentario do PSdeG.
Ao mesmo tempo o deputado socialista José Manuel Lage apuntou que "o galego precisa de medidas de discriminación positiva, tal e como defendemos os socialistas galegos, seguindo a Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG)."
Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario