17.6.10

Cinema: o 21 e 22 de xuño chega a Ribeira a primeira Mostra Itinerante de Cine Africano en Galicia, en Ribeira


Ribeira, 17 de xuño de 2010
. A Primeira Mostra Itinerante de Cine Africano en Galicia, Cine África, chega a Ribeira a vindeira semana co obxectivo de transmitir unha visión real das sociedades que habitan no veciño continente meridional. Con tal motivo, o Auditorio Municipal converterase nun gran cine dotado dunha pantalla profesional na que serán proxectadas catro longametraxes que afondan pola vías dos feitos e das percepcións en como as persoas que viven neste continente enfrontan as súas vidas, a loita cotiá, e os seus problemas. 

A iniciativa está promovida pola Deputación da Coruña co apoio de Casa África e neste caso coa implicación do Concello a través das súas Concellerías de Igualdade e Acción Social e de Educación. As edís responsables destas áreas municipais, Esther Patiño e Juana Ermitas Crugeiras, foron as encargadas de presentar a programación. 

As obras que forman parte desta mostra están realizadas en Sudáfrica, Serra Leona ou Malí (en coproducións con países europeos como Francia, Gran Bretaña ou España), na que a expresión artística é o soporte para describir a realidade que se vive día a día no continente veciño. 

A entrada ao ciclo é  libre e gratuíta ata completar o aforo de 270 butacas. Esta iniciativa está recomendada para os mozos e mozas de Secundaria dos centros educativos, que poderán achegarse deste xeito á realidade do veciño continente a través da descoñecida produción fílmica africana. De feito, xa hai tres centros educativos locais que confirmaron a súa asistencia: os IES Número 1 e Leliadoura e o colexio Galaxia. 

No segundo día do ciclo haberá unha mesa redonda titulada “África na memoria. A realidade do colectivo inmigrante de Ribeira”. Participarán na mesma Xosé Cuns Traba, director da mostra; Xosé Lois Vilar Rodríguez, profesor do IES Número 1 de Riveira e responsable de Aprendizaxe de Linguas para Persoas Inmigrantes; o mauritano Nourdine Boudadia e a senegalesa Aissatou Ndiongue, ambos membros do Grupo de Voluntariado Social do Departamento de Servizos Sociais de Ribeira. 

PROGRAMACIÓN: 

Luns, 21 de xuño de 2010 

9.30 h

The Wooden Camera / A Cámara de Madeira

Ntshavheni Wa Luruli

Sudáfrica/Francia/Gran Bretaña 

2003 - 90’ – 35 mm – color – VO inglés - Subtitulado castelán  

    SINOPSE: A película desenvólvese en Cidade do Cabo e os seus redores, así coma na veciña vila de Khayelitsha, dez anos despois do fin do apartheid. Un día, Madiba e Sipho atopan un cadáver mentres xogan preto das vías do tren. O home tiña un arma e unha cámara. Sipho escolle o arma e Mandiba, a cámara, que tapa con madeira para disimulala. A sorte está decidida: mentres Sipho crea unha banda, Mandiba dedícase a filmar o mundo que lle rodea, descubrindo a súa beleza. En Cidade do Cabo, Madiba coñece e establece unha amizade especial con Estelle, unha rapaza que pertence a unha familia tradicional branca. 

12.00 h

One goal / Un obxectivo

Sergi Agustí 

Serra Leona / España 2008

26’ – MiniDV – color – VO inglés & krio - Subtitulado castelán  

    SINOPSE “One Goal” é u obxectivo. Pero tamén unha paixón. O documental lévanos polo camiño cara a paz que un grupo de mozos amputados de Serra Leona iniciou fai anos. A traveso da forza do seu xogo conseguiron converterse nun exemplo para a súa sociedade: de íconas da guerra a íconas do futuro e da paz en Serra Leona a traveso dunha paixón compartida: o fútbol. 

12.45 h

Humanitaire! / Humanitario!

Adama Roamba

Francia – 2007

16’ – Beta SP – color - VO francés – Subtitulado castelán  

    SINOPSE: Unha pista. Un camión. Un campo de refuxiados. Cada día, Barou, un traballador humanitario, recorre unha pista de terra para recoller aos refuxiados e levalos a un campo de acollida. Cada día, as persoas do campo esperan o seu regreso cos familiares que perderon durante o éxodo. É o tráxico día a día dun campo de refuxiados africanos. 
     

Martes, 22 de xuño de 2010 

9.30 h.

The Wooden Camera / A Cámara de Madeira

Ntshavheni Wa Luruli

Sudáfrica/Francia/Gran Bretaña 

2003 - 90’ – 35 mm – color – VO inglés - Subtitulado castelán 

12.00 h

Victimes de nos richesses / Víctimas das nosas riquezas

Kal Touré

Malí / Francia – 2006

58’ – Beta DG – color – VO bambara, francés & inglés – Subtitulado castelán.  

    SINOPSE: Un ano despois dos dramáticos acontecementos de setembro de 2005 nas fronteiras de Ceuta e Melilla, mozos africanos e africanas repatriados relatan as súas tentativas de cruzar a fronteira española, dando as súas versións do que aconteceu. 

13.00 h

Mesa redonda: “África na memoria. A realidade do colectivo inmigrante de Ribeira”

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical