Dentro dos actos do Día Mundial do Medio Ambiente 2010, este mércores 2 de xuño ADEGA levará a cabo novas actividades de voluntariado ambiental dentro do PROXECTO CORNA. Avaliaremos o estado de conservación desta área dunar e continuaremos coas medidas de protección da píllara papuda (Charadrius alexandrinus). Grazas a elas, en 2008 e 2009 aniñaron 5 parellas nesta praia, 3 con pitos. Traballaremos tamén no control das especies exóticas invasoras que ameazan a biodiversidade deste contorno, en especial a Coniza e a Arctotheca, logo de que o Carpobrotus ficara xa erradicado.
14:30 - Chegada. Xantar de confraternidade na praia.16:00 - Presentación do Proxecto Corna: Fins Eirexas (xeólogo-ADEGA); Miguel Conde (biólogo). Colocación de sinalización informativa, seguemento dos exemplares aniñantes e medidas para protección da píllara papuda (Charadrius alexandrinus).17:00 - Eliminación de especies vexetais alóctonas e invasoras.18:30 - Actividades complementares e tempo de lecer.19:30 - Desprazamento a Coroso e sinalización da praia.20:00 - Remate da actividade.A loita contra as especies alóctonas e invasoras ten grande importancia para preservar os nosos hábitats naturais, particularmente os máis fráxiles como son as dunas. Na Corna non hai moita abundancia de plantas invasoras, mais sí unha variedade de especies foráneas que, pouco a pouco, van "collendo sitio". Nos anos pasados conseguimos erradicar unha importante mata de Carpobrotus (unlla de gato ou herba do coitelo) no lado E da praia. No contorno hai tamén algúns grupos de canas (Arundo donax) complicadas de eliminar pola dificultade de extraer completamente os rizomas e numerosos exemplares de Coniza canadiensis e Arctotheca calendula que aproveitaron a terra remexida ao instalar as pasarelas de acceso para establecerse, e que extraeremos sen maiores problemas.Nestes dous anos de actuacións, a protección da píllara papuda deu os seus froitos: en 2008 detectamos tres niñadas na Corna, dúas das cais lograron sacar adiante os seus pitos; e en 2009 foron dúas as parellas que criaron. Para protexer as postas deste ano, repetiremos a sinalización informativa na zona de cría. O periodo reprodutivo vai de abril a agosto, e se hai niñadas máis adiante instalaremos unhas "gaiolas" metálicas para protexer as postas dos cans, corvos e gaivotas. Inspirámonos nos bos resultados do "Proxecto Píllara", que desenvolven os nosos compañeiros/as de ANABAM no Baixo Miño.Como novidade, este ano desprazarémonos tamén á praia de Coroso, en Ribeira, na que localizamos varias parellas de píllara tentando criar, para sinalizar con cartaces as áreas de aniñamento e reclamar dos usuarios/as e do concello a colaboración para preservar esta especie ameazada. É especialmente importante evitar a limpeza mecánica destas áreas, xa que ademáis de eliminar unha importante fonte de nutrintes (os restos orgánicos que deitan as mareas), pódense derramar as postas, xa que esta especie aniña enriba mesmo da area. Dos usuarios/as pedimos que paseen pola parte máis cercana ao mar e que eviten deixar soltos aos seus cans mentres estén na praia. Nos cartaces que colocaremos hai unha serie de recomendacións e consellos para colaborar a preservar esta especie.As actuacións da Corna contan co apoio da D. X. de Costas do Estado.
via adega.info
Posted via web from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario