20.7.10

Noia: a Xunta di que a variante adxudicada hai uns días é tres veces máis barata que a que quería o Bipartito

O contrato da variante de Noia foi adxudicado á oferta mais vantaxosa segundo os baremos técnicos e económicos estipulados no prego de contratación ao que todo o mundo pode acceder, xa que é público, ao igual que a baremación e as puntuacións obtidas polas empresas


Noia, 19 de xullo de 2010.- Nunha dura nota de prensa, máis propia dun partido que dun equipo de goberno, a Xunta de Galicia resposta a informacións xornalísticas aparecidas estes días sobre que a variante de Noia adxudicada foi concedida á empresa coa segunda oferta máis cara, unha firma industrial na que ademais traballara o actual conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández.

Como adoitamos neste xornal, replicámoslles a nota de prensa íntegra:

  "O contrato da variante de Noia foi adxudicado á oferta mais vantaxosa segundo os baremos técnicos e económicos estipulados no prego de contratación ao que todo o mundo pode acceder, xa que é público, ao igual que a baremación e as puntuacións obtidas polas empresas.

Do total de 20 ofertas presentadas, un total de 9 estaban en baixa temeraria. A primeira oferta non temeraria era de 31,98 millóns de euros. Adxudicouse á oferta de 32,9 millóns de euros (920.000 euros mais cara) polo peso que proposta técnica, claramente mellor, tivo na puntuación final.

Por outra banda, cabe lembrar tamén que a variante de Noia polo interior que tiña previsto facer o bipartito, e que non foi capaz de iniciar, tiña un custe de 80 millóns de euros, polo que a actuación que vai a levar a cabo o actual Goberno implica un aforro de 47 millóns de euros para as arcas autonómicas con respecto ao que pretendía facer o bipartito.

Pese á demagoxia e os atrancos do principal partido da oposición, a Xunta vai facer unha auténtica variante de Noia: máis vertebradora, cun trazado mais curto, con menor impacto ambiental e, ademais, en menos tempo e por menos da metade de prezo do que pretendía facer o anterior goberno".

Antes publicamos:

A Consellería de Medio Ambiente adxudica definitivamente as obras da variante de Noia para comezar a súa execución nas vindeiras semanas


Segundo imaxe virtual da Xunta, así quedará a ponte sobre a Ría, aínda sen rexenerar nin xeito nun futuro cercano

    O importe de licitación incrementouse en 2,5 millóns de euros respecto ao reflectido no estudo informativo, coa finalidade de incorporar medidas ambientais e construtivas que minimicen o impacto na ría. Con estas medidas queda garantida a non afección ás explotacións marisqueiras, di a Xunta


   Noia, 16 de xullo de 2010.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, adxudicou definitivamente as obras da Variante de Noia, para deste xeito comezar a súa execución nas vindeiras semanas. O departamento que dirixe Agustín Hernández adxudicou este contrato de obra pública por un importe de máis de 38 millóns de euros (38.254.451) á empresa Puentes y Calzadas Infraestruturas, S.L.U.

   A alternativa da ría ten unha lonxitude de 4.857 metros e unha anchura de máis de 10 metros, na que se inclúen beirarrúas para facilitar a seguridade dos viandantes. Na ponte sobre a ría engadirase un paseo peonil de 2,5 metros de ancho, que contará con ramplas de acceso no Testal e A Barquiña. A variante parte do núcleo de Taramancos, onde se separa da AC-550 e se da prioridade á nova vía. Unha vez superado o enlace, o trazado discorre ao norte do núcleo e presenta un paso superior sobre a variante para restituír un camiño de conexión entre a costa e Taramancos.
   A continuación sitúase o semienlace de Punta Rebordiño, que permite o acceso e saída dos vehículos da zona do Testal co norte de Noia. O trazado continúa coa ponte sobre a ría, cunha lonxitude de 1.470 metros, que salva ademais a estrada de acceso ao Testal. Por outro lado, o desembarco da estrutura na zona nordés de Noia pasará por riba da actual rede viaria existente nesta zona.


22 minutos por estrada entre Noia e Santiago, obxectivo final da variante

    A variante xira cara ao nordés evitando, mediante un viaduto, a zona de aparcadoiro do centro comercial existente neste núcleo e unha rúa próxima. No final do trazado, construirase un enlace tipo glorieta baixo a estrada, que servirá de conexión coa C-550. A obra mellorará as comunicacións entre Porto do Son e Muros, permitindo un aforro de 10 quilómetros, e entre Porto do Son e Santiago, reducindo en 4 quilómetros a distancia actual.
    O obxectivo final é que as comunicacións entre Noia e Santiago se reduzan ata os 22 minutos, o que supón unha mellora no tempo de percorrido dun 37% fronte aos 35 minutos que agora son necesarios. Optimizaranse as conexións das dúas marxes da ría. Tanto a variante de Noia como os novos viais de conexión con Santiago e Muros transformarán o mapa viario de Noia e a súa comarca, beneficiando dun xeito especial aos máis de 40.000 habitantes de Noia, Outes, Muros e Porto do Son.

Inicio da adxudicación

   O inicio dos trámites para a adxudicación desta obra comezou a finais de xaneiro coa publicación do anuncio –no Diario Oficial de Galicia- de licitación das obras da Variante de Noia. Cómpre sinalar que este paso foi unha proba do cumprimento do actual Goberno, xa que o compromiso adquirido coa sociedade era licitar as obras desta infraestrutura nos mes de xaneiro de 2010.
   O importe de licitación incrementouse en 2,5 millóns de euros respecto ao reflectido no estudo informativo, coa finalidade de incorporar medidas ambientais e construtivas que minimicen o impacto na ría. Ademais, a Xunta de Galicia sacou a contratación unha asistencia técnica específica para o control ambiental da Variante de Noia. Con estas medidas queda garantida a non afección ás explotacións marisqueiras da ría.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical