O río Pedras é un dos que abastece de auga aos veciños de Barbanza
Boiro, 9 de agosto de 2010.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, inviste un total de 15,3 millóns de euros nas actuacións de mellora que o Plan Auga contempla nos sistema de abastecemento do Barbanza, que da servizo ás localidades nas localidades de Ribeira, Boiro, Pobra do Caramiñal, Padrón, Valga, Catoira, Dodro e Pontecesures.
Augas de Galicia, tras analizar o estado actual do sistema de abastecemento destes municipios coruñeses, detecta diversas deficiencias. Deste xeito, obsérvase que existe déficit de produción en estacións de tratamento de auga potable (ETAPs), polo que se define a necesidade de ampliación. Tamén se aprecia un déficit de regulación en depósitos que será arranxado mediante a execución do citado proxecto hidráulico.
ESTADO ACTUAL DO SISTEMA DE ABASTECEMENTO
O sistema de abastecemento de Barbanza está composto polos seguintes elementos:
- Captacións: nos ríos Ulla, Té, Sieira, Pedras e en diversos mananciais
- ETAP de Padrón: trata a auga procedente do río Ulla, cunha capacidade de 212 l/s
- ETAP de Barbanza: 23 l/s
- ETAP de Boiro: 70 l/s
- ETAP de Pobra: 20 l/s
- ETAP de Pontecesures: 350 l/s
- Depósitos: capacidade total de 63.456 m3
O Plan Auga preséntase como unha solución a todas as citadas carencias en infraestruturas hidráulicas e destina un total de 15,3 millóns de euros que se distribuirán na posta en marcha de captacións, bombeos, depósitos, unha ETAP e conducións. Estas novas infraestruturas, que se mostran a continuación no seguinte cadro, beneficiarán a un total de 113.971 habitantes da zona do Barbanza.
PLAN AUGA- INVESTIMENTOS NO BARBANZA
ACTUACIÓNS IMPORTE
Bombeos 474.493 euros
Depósitos 604.000 euros
ETAP 2,7 M euros
Conducións 11,4 M euros
Xestión de demanda 97.272 euros
INVESTIMENTO TOTAL 15,3 M euros
Fonte de Cariño, Boiro
Obras previstas
A Xunta de Galicia, mediante o Plan Auga, propón varias actuacións entre as que cabe destacar a ampliación do bombeo da ETAP de Padrón e a construción dun depósito secundario de 8 l/s. Ademais, construiranse tres novos depósitos cunha capacidade total de 2.000 m3. O primeiro, en Pontecesures, para reforzar o depósito actual, anexo á ETAP; o segundo, en Boiro, para poder satisfacer as necesidades futuras estimadas en 12.000 m3; e o último, en Escarabote, como reforzo do sistema de Boiro nesta zona.
O Plan Auga abrangue a ampliación da ETAP de Padrón, situada concretamente no Casal. A capacidade actual é de 212 l/s e proponse ampliar ata 300 l/s, co fin de satisfacer as demandas previstas en 2025, estimadas nuns 500 l/s.
Augas de Galicia tamén proxecta a construción dun cinto norte/ sur en Padrón, de 5.000 m de lonxitude e 200 mm de diámetro co obxecto de reforzar o abastecemento nesta área e solucionar as deficiencias da rede debido a que os diámetros actuais resultan insuficientes.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario