"Hoxe atopámonos cunhas instalacións totalmente abandonas; cascallos amoreados, lixo por tódolos recunchos e un campo ateigado de xestas e pinos. Qué nos pasou para esquecernos deste espazo que integrabamos na nosa vida cotiá como punto de encontro; un espazo de referencia deportiva; un espazo de desfrute ao aire libre; un espazo do que estar orgullosos e orgullosas.
Sen menosprezar o esforzo e traballo daquelas persoas que contribuíron dalgunha maneira a que este campo de fútbol vivise uns anos dourados, hoxe queremos facer unha consulta popular para saber qué podemos facer con este espazo xa que, os tempos cambian e quizais hoxe as necesidades sexan outras.
Na última asemblea da comunidade de montes, acordouse colocar unha urna na casa de cultura de San Pedro de Muro para que, de xeito totalmente anónimo, calquera persoa poida deixar a súa proposta acerca do futuro do campo de fútbol. De entre todas as propostas estudarase a viabilidade das tres máis repetidas".
Aínda que non sexades de San Pedro de Muro: tedes algunha boa idea para que este espazo sexa recobrado para a vida cotiá dos veciños? Pois contádella en http://sanpedro.blogaliza.org
Cantas máis cabezas matinen, seguro que mellores propostas sairán!
Nós non sabemos se xa o teñen, pero ao mellor un viveiro con sementes autóctonas para repoboar podería ser interesante... Iso como idea sensata. Como idea tola, e xa que era un campo de xogo, convertilo no primeiro campo oficial de lanzamento de sacho da comarca... Ou nunha pista polideportiva só para xogos tradicionais (billarda, bolos, rá, petanca...)
Veña, que non decaia!
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario