O Bng pide que non se retire a escolleira pero se rexenere a Ría, na que se estima hai 400 hectáreas cheas de lama. O PP vota que si co Bng e os socialistas votaron en contra.
Noia, 23 de setembro de 2010. A polémica entre as diversas administracións sobre a retirada ou non da escolleira de Noia, así como a sempiterna promesa incumprida en varias décadas de rexenerar a Ría, voltaron hoxe ao Parlamento. Desta volta foi o Bng o que acadou un acordo xunto do Partido Popular e co voto en contra dos socialistas.
Nota de prensa do Bng:
A deputada do BNG Ana Pontón defendeu hoxe no Parlamento galego unha proposición non de lei ao fin de que a Xunta encete as xestións precisas e se dirixa ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño co obxecto de revisar o proxecto de demolición da canle de acceso a Noia e redacte un verdadeiro proxecto de rexeneración no ámbito das súas competencias, investindo á maior brevidade posible as cantidades precisas.
Asemade, o acordo acadado na Cámara galega pola parlamentaria nacionalista obriga ao Parlamento a instar á Xunta a executar no ámbito das súas competencias as actuacións necesarias para acadar o saneamento e depuración integral da ría Muros-Noia articulando as medidas necesarias para levar adiante un proceso de rexeneración desta ría.
Ana Pontón explicou na súa intervención que esta iniciativa do BNG responde á importancia da ría de Muros-Noia como “principal recurso económico da comarca” e considerou que debe existir un “compromiso firme das administracións públicas” para atacar e resolver os problemas derivados da calidade das augas que limitan a súa capacidade produtiva e económica.
Para Pontón, as accións encamiñadas á completar a depuración e saneamento desta ría “son insuficientes” xa que seguen existindo núcleos de poboación que “aínda a estas alturas non teñen completado este sistema e seguen producíndose vertidos contaminantes”.
Por outra parte, Pontón tamén se referiu a “acumulación de fangos nas zonas interiores da ría” e segundo algúns estudos -dixo- hai 400 hectáreas invadidas polos lodos sendo, hai anos, zonas produtivas que creaban postos de traballo e cun importante desenvolvemento económico para a comarca.
Ademais, a parlamentar aludiu á recuperación do porto histórico de Noia como “elemento dinamizador económico” e dende o BNG –aseverou- “non compartimos o proxecto do Ministerio de Medio Ambiente denominado de demolición do canal da escollera de acceso ao peirao do Marqués de Noia” porque “lonxe de solucionar os problemas da ría, inviabiliza a recuperación do porto histórico.”
O acordo foi acadado logo da transacción dunha emenda do grupo popular e cos votos en contra dos socialistas.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario