A iniciativa inclúese no Plan Director do Comercio para as comarcas de Muros-Noia, Barbanza e O SarA Deputación da Coruña destinará 100.000 euros para financiar a posta en marcha na Pobra do Caramiñal do proxecto Deán Stock Centro Formativo, incluído no Plan Director do Comercio para as comarcas de Muros-Noia, Barbanza e O Sar. Así se estipula no convenio suscrito esta mañá, na sede da institución provincial, polo presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda, e a súa homóloga da Asociación do pequeno comercio da Pobra do Caramiñal, Amparo Cerecedo Sánchez, nun acto que contou tamén coa asistencia da deputada provincial Rosana Pérez.
O proxecto pretende a posta en marcha dunha tenda-escola para comerciantes, impulsada polo centro comercial aberto O Deán, na que se formaran tanto os futuros empregados do comercio como os comerciantes en activo, a través de cursos adaptados ás súas necesidades, que se axusten ás demandas actuais dos consumidores e ás novas tendencias comerciais, e que contribúan a mellorar as súas competencias profesionais e a adquirir novas habilidades.
A formación desenvolverase nunha simulación de tenda que permitirá aos alumnos desenvolverse cos clientes e os produtos, facilitándolles unha formación orientada á práctica profesional. Os obxectivos do proxecto son a profesionalización do sector do pequeno comercio, mellorando a cualificación dos traballadores, a dignificación dunha profesión que achega o 16% do PIB galego, e a promoción de novas iniciativas empresariais, tendencias e fórmulas de negocio nun sector caracterizado polo seu gran dinamismo e polo contacto directo co cliente.
O centro servirá ademais para crear novas vocacións, ofertando unha formación axeitada a aqueles que queiran entrar no mundo do comercio tradicional e garantirá aos empresarios a contratación de persoal cunha cualificación profesional garantida.
A formación teórica e práctica impartida no centro incluirá diferentes aspectos da profesión que van dende os aspectos formais do trato co cliente e a presentación adecuada dos beneficios do produto, á xestión de stocks, o escaparatismo, ou transito eficaz no punto de venda.
Tres millóns de euros para potenciar o comercioO presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, lembrou que esta iniciativa enmárcase no Plan Director do Comercio para as comarcas de Muros-Noia, Barbanza e O Sar, “un ambicioso proxecto no que imos investir máis de 3 millóns de euros nos vindeiros catro anos, para modernizar e promocionar o pequeno comercio” nos concellos da Pobra do Caramiñal, Boiro, Dodro, Muros, Noia, Lousame, Outes, Padrón, Porto do Son, Rianxo, Ribeira e Rois, cunha poboación estimada de 130.000 habitantes.
As achegas orzamentarias da Deputación da Coruña para o financiamento do Plan serán de 700.000 euros no ano 2010; 1.223.500 no ano 2011; 822.500 (ano 2012); e 372.000 (ano 2013).
Fernández Moreda subliñou que o Plan conta con tres eixos fundamentais: a dinamización do comercio local a través de feiras de produtos típicos, outlets, e do reforzo de campañas comerciais; a modernización dos mercados locais, e a mellora da formación e xestión do pequeno comercio, aspecto no que se investirán preto de 600.000 euros e no que o proxecto Dean Stock Centro Formativo “terá un papel fundamental”, segundo o presidente provincial.
Pola súa banda, a responsable da Asociación do pequeno comercio da Pobra do Caramiñal, Amparo Cerecedo, agradeceu a achega provincial para o financiamento do proxecto e subliñou o compromiso da Deputación co comercio tradicional da comarca.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario