Noia, 8 de setembro de 2010. Un dos magnolios que escolta o lanzal busto de Felipe de Castro en Noia rachou case á metade debido, por pura lei física, á gravidade. Un fungo contribuíu a que a enorme árbore, danada nos seus tecidos internos, cedese polo seu propio peso.
O magnolio (árbore da familia das magnoliáceas), como moitos outros vexetais, vese afectado por fungos como o oídio -máis coñecido nas nosas terras por afectar ás viñas) ou por outros menos coñecidos como os que causan a antracnose, enfermidade que se caracteriza por destruír os tecidos vexetais que toca. Segundo o fungo que detecten os especialistas, haberá que aplicarlle funxicidas ou cortar, como popularmente se di, "polo san".
Magnolios e palmeiras foron escollidos dende o século XVII en Galicia para adornar pazos e lugares señoriais. É unha especie que debe o seu nome a un botánico francés, Pierre Magnol, que a bautizou arredor do ano 1700, pero é das máis antigas na terra. Segundo os científicos, hai evidencias de plantas desta familia dende hai 95 millóns de anos.
Ademais de proporcionar unha sombra gorentosa, o magnolio ten unhas flores enormes e moi curiosas. Como se desenvolveu antes que apareceran abellas na terra, a flor está deseñada para ser polinizada por escarabellos. Non ten nin pétalos nin sépalos: houbo que buscarlles un nome: chámanse tépalos.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario