14.9.10

A Pobra do Caramiñal: a Xunta insiste en que o PXOM pobrense é compatible co POL

O director xeral de Sostibilidade e Paisaxe, Manuel Borobio, mantivo unha reunión de traballo co alcalde, Isaac Maceiras e reitera que o Plan de Ordenación do Litoral "non altera o réxime urbanístico do solo, senón que establece os criterios para a súa ocupación".

A Pobra do Caramiñal, 14 de setembro de 2010.- O director xeral de Sostibilidade e Paisaxe, Manuel Borobio, mantivo hoxe unha reunión de traballo co alcalde da Pobra do Caramiñal, Isaac Maceiras, co obxectivo de analizar a confluencia entre o Plan de Ordenación do Litoral e o planeamento urbanístico deste municipio costeiro, pioneiro na súa adaptación á Lei do solo 9/2002.

Segundo informaron na rolda de prensa posterior á reunión, durante a sesión de traballo analizouse o alcance do Plan de Ordenación do Litoral en relación ao PXOM da Pobra, así como os tres ámbitos de solo que o plan territorial determina como adaptables. Ambas administracións decidiron coordinar o seu traballo para especificar como se incorporan os principios do Plan do Litoral a estes solos. Trátase de criterios relacionados coa contención na ocupación do solo, adaptación ao relevo, fomento da conectividade e permeabilidade ou tratamento da fachada marítima.

Esta iniciativa responde ao chamamento da Xunta cara á corresponsabilidade solidaria e a coordinación cos concellos para a concreción e materialización dos obxectivos do Plan do Litoral e cobra especial relevancia nesta ocasión tendo en conta que a Pobra do Caramiñal é un dos cinco concellos (xunto con Paderne, Laxe, Oleiros e Vigo) do ámbito de aplicación do Plan que conta cun planeamento urbanístico adaptado á lei do solo 9/2002, polo que o Plan de Ordenación do Litoral non afecta aos seus desenvolvementos urbanísticos. Este concello coruñés foi o primeiro (xaneiro de 2007) en adaptarse á Louga.

Iniciativa positiva
O director xeral de Sostibilidade e Paisaxe amosou a súa satisfacción polo resultado da xuntanza e invitou aos demais concellos a imitar esta iniciativa tan positiva para o desenvolvemento sostible do territorio. Ademais, Manuel Borobio indicou que coa aplicación do Plan de Ordenación do Litoral non se tiran construcións. “Este Plan non altera o réxime urbanístico do solo, senón que establece cómo se pode ocupar”, explicou, ao tempo que engadiu que “ningunha construción queda fóra de ordenación e Plan non expropia vivendas nin entra nas vivendas construídas”. Deste xeito, ningunha vivenda queda “afectada” pola aplicación deste plan territorial.

O Plan de Ordenación do Litoral identifica neste concello 23 praias, así como tres Bens de Interese Paisaxística, 97 elementos de patrimonio etnográfico, e 22 de patrimonio arqueolóxico, entre outros. O Plan de Ordenación do Litoral atópase nun momento chave de cara á súa aprobación definitiva, que se prevé para finais deste ano 2010. Así, logo da aprobación inicial publicada do DOG o 30 de xullo é o momento da información pública para que todos os cidadáns que o consideren necesario poidan estudar polo miúdo o plan e facer as súas alegacións ata o vindeiro día 1 de outubro.

Este documento, que supón a primeira ordenación integral da costa galega, é froito dun estudo exhaustivo do territorio, que na Pobra, igual que no resto dos concello litorais, supón poñer de relevo os valores da costa e poder estudar polo miúdo os posibles crecementos urbanísticos, que a partir de agora deberán ser acordes co modelo do Plan.

Toda a información sobre o Plan de Ordenación do Litoral pódese consultar a través da web www.xunta.es/litoral, así como na Secretaría Xeral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, na Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, e tamén nos Departamentos Territoriais da Consellería.

Antes publicamos:

Política: o PSOE replícalle ao alcalde pola lea do POL


Política: o alcalde arremete contra a oposición polo POL


Plan de Ordenación do Litoral: versión socialista


POL: os socialistas din que o alcalde está "desaparecido e agochado"


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical