A mostra procede do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo
Porto do Son, 24 de outubro de 2010. O Centro de Artesanía e Deseño, dependente da Deputación de Lugo, organiza unha mostra sobre cestería de Galicia na casa da cultura de Portosín. Nela pódense admirar 22 pezas exclusivas, froito do traballo de investigación que está a levar a cabo a entidade dependente daquel organismo provincial en prol da recuperación e do fomento dos oficios artesanais de Galicia.
A exposición, que se poderá visitar ata o 14 de novembro, inclúe pezas representativas das catro provincias de Galicia elaboradas, todas elas, por profesionais exclusivamente da comunidade, e recuperadas pola Deputación. Deste xeito, pódense ver os cabazos, -traxes que empregaban os agricultores de Ourense para gardarse da choiva-; as patelas, -cestos dos pescadores das Rías Baixas-; os medio ferrados, -pezas de medición nas vendimas de Chantada-; sombreiros de Noia; ou cestos de pequenas dimensións, con asa e tapa onde antigamente, principalmente na zona de Outeiro de Rei, se almacenaban os produtos caseiros.
Os traballos expostos foron realizados con cinco tipos de fibras naturais, segundo as técnicas da espanada, palla, xunco, madeira rachada, corres ou mixta entre outras. Precisamente, o CENTRAD ensina esta arte na súa programación oficial de obradoiros que este ano inclúe 65 variadas xornadas convertendo á entidade dependente da Deputación de Lugo no centro de maior oferta formativa nesta materia de Galicia.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario