25.11.10

Cultura: o ribeirense Xosé Ramón Barreiro e o rianxeiro Xosé Luís Axeitos, responsables da nova mostra na Cidade da Cultura de Santiago

“Ex libris gallaeciae. Dos libros de Galicia” ofrece no arquivo da Cidade da Cultura un percorrido pola construción da cultura galega a través de oitenta xoias bibliográficas. Nela veranse xoias bibliográficas como o primeiro libro impreso que chegou a Galicia, o documento en galego máis antigo que se conserva ou unha das únicas cinco versións do Códice Calixtino que existen no mundo.

Santiago, 25 de novembro de 2010.- A exposición “Ex libris Gallaeciae. Dos libros de Galicia”, que se inaugura hoxe no Arquivo da Cidade da Cultura de Galicia, reúne 83 libros, códices ou manuscritos considerados clave na construción da cultura galega. Trátase dunha escolma de “xoias bibliográficas” que en conxunto trazan un relato de como se construíu a cultura galega e que van desde os primeiros textos romanos que comezan a definir un territorio co nome de Callaecia ata o primeiro libro electrónico en galego.

A mostra está composta por unha selecta escolma de pezas que, por diferentes motivos, definen momentos clave na historia de Galicia. Prestadas por bibliotecas, arquivos e coleccións privadas de Galicia e do resto de España, é a primeira vez que se conseguen reunir nunha mesma exposición, incluíndo mesmo algunha obra que ata o de agora nunca se amosou ao público.

Comisariada polo historiador ribeirense Xosé Ramón Barreiro Fernández, ex presidente da Real Academia Galega (RAG), e por Xosé Luís Axeitos, secretario rianxeiro desta institución, a mostra supón unha “biografía gramatical” de Galicia, ou o que é o mesmo a historia galega contada a través dos seus libros impresos, códices, crónicas manuscritas, mapas ou documentos máis senlleiros. Este é precisamente o sentido do nome da exposición. Os ex libris eran as marcas que se imprimían sobre o reverso dos libros para sinalar a pertenza a unha biblioteca ou a un autor. Trátase, polo tanto, “da colección de Galicia”, a que nos referencia e define como pobo.

Os visitantes atoparán pezas como o primeiro libro impreso que chegou a Galicia, Decretales Gregorii Papae Maguncia IX, e descubrirán que procedía do taller de Peter Schoeffer, un dos socios e sucesores do propio Gütenberg. Xunto a el, está o primeiro libro que se imprimiu en Galicia: o “Breviarium Auriensis”, un traballo de impresores ambulantes que se fixo en Ourense no ano 1485. Móstrase tamén un exemplar de Proezas de Galicia (1810), o libro impreso en galego máis antigo que se conserva, no que dúas personaxes, Chinto e Mingote, falan da guerra contra os franceses.

A exposición conta cunha das cinco únicas versións completas que se conservan no mundo do Códice Calixtino. Ademais, estará o primeiro documento escrito en galego, o “Foro do Bo Burgo de Castro Caldelas” (ano 1228) prestado pola Casa de Alba. Entre as 83 pezas figura tamén o primeiro mapa do Reino de Galicia, o primeiro xornal en galego ou a primeira revista ilustrada que se editou en Galicia.

Os grandes científicos galegos ocupan un espazo destacado. Os visitantes descubrirán que houbo un matemático de Lalín que cos seus cálculos fixo que se revisase a medición do meridianos, gañando o respecto e a admiración da Royal Society de Londres, que en Galicia se editaron táboas de logaritmos que logo foron empregadas en toda Europa e premiadas mesmo na Exposición Universal de París de 1867 ou que houbo tratados galegos de navegación que se estudaron en escolas navais de decenas de países.

Un inédito do rianxeiro Manuel Antonio


Os nosos principais nomes da literatura están tamén representados. A mostra amosa as notas e os textos manuscritos de Castelao que lle serviron de base para publicar Sempre en Galiza. Outras das pezas serán estudos lingüísticos a prol do galego do Padre Sarmiento, os versos de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, os deseños vangardistas de Luís Seoane ou o manifesto do poeta Manuel Antonio “¡Máis alá!”, que será a primeira vez que se mostra ao público.

A exposición permanecerá instalada no Arquivo de Galicia ata o 25 de febreiro. Polo momento, para visitala é preciso inscribirse no Programa de Visitas Guiadas á Cidade da Cultura na web www.cidadedacultura.org, onde se ofrecerá toda a información sobre días e horarios. Poráse en marcha ademais un servizo específico de visitas didácticas con guías e material específico.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical