18.11.10

Lousame: o Psoe di que "Ecoembes rouba aos Concellos co consentimento do goberno de Feijóo"

O PP rexeitou unha iniciativa socialista para solucionar o conflicto da planta de Lousame. Pedíase, entre outras cousas, medio millón de euros para ampliala


Carmen Gallego en rolda de prensa na sede do Psoe

Lousame, 18 de novembro de 2010. A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Parlamentario Socialista Carmen Gallego interviu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento para reclamar ao Goberno, mediante unha proposición, negociar no novo Convenio Marco con Ecoembes que ten que entrar en vigor a partires do 1 de xaneiro de 2011 as condicións de retirada e pago relativas á selección da totalidade dos envases recuperados no Complexo Ambiental de Lousame. Tamén solicita anticipar á Mancomunidade de concellos "Serra de Barbanza" a carga económica necesaria para o normal funcionamento da planta que a propia Xunta de Galicia vai recadar das retencións que fai aos concellos do Fondo de Cooperación Local para este fin. E por último, solicitou outorgar unha axuda de 500.000 euros para a ampliación do Complexo Ambiental de Lousame. A iniciativa foi rexeitada polo PP. 

Trala votación, Carmen Gallego lamentou que o Partido Popular "diga que quere apoiar este complexo medio ambiental, pero non o demostran cunha decisión practica, apoiando este iniciativa, senón con frases grandiolocuentes. Gallego lembrou ademais que o Grupo Socialista apoiaba dúas emendas presentadas polo PP neste asunto “pero nin así quixeron votar a favor”.

A portavoz de Medio Ambiente criticou duramente a xestión do Partido Popular neste asunto e reclamou á empresa Ecoembes que cumpra “e pague o 100% dos envases aos Concellos de Galicia”. E insistiu nas súas criticas ata o punto de afirmar que “Ecoembes rouba aos concellos co consentimento do Goberno de Feijoo, polo tanto a Xunta é cómplice”.

Gallego lembrou na súa intervención que a grave situación pola que atravesa a empresa xestora da planta que ameaza con deixar a xestión da mesma a finais de novembro e, polo tanto, a perda de 150 postos de traballo directos. Nese senso emprazou a buscar unha solución razoable a este conflicto.

A deputada socialista dixo que o Complexo Medioambiental de Lousame xestionado pola Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza é unha instalación punteira en recuperación e reciclaxe. De feito no Plan de Residuos que se está tramitando por parte do goberno de Galicia recoñécense as mellores ratios de reciclaxe neste complexo.
 
Gallego denuncia que aínda que esta pranta é unha alternativa na xestión de residuos asegura que “non é apoiada polo actual goberno de Feijóo”. Asevera ademais que o PP ten como referente ideolóxico SOGAMA, a cal, lembrou, foi creada polos gobernos Fraga e que se demostrou reiteradamente que “non é unha opción que concorde coa xerarquía comunitaria na xestión de residuos onde as ultimas dúas opcións son a incineración e o vertedoiro”, insistiu.

Plan de Residuos

A portavoz socialista replica que o goberno autonómico pretende coa redacción do novo Plan de Residuos perpetuar o modelo de incineración e vertedoiro que acuñou en Sogama, e que amplía coa nova construcción dunha incineradora e un vertedoiro no Sur de Galicia. Insiste nas súas criticas e advirte que “este Plan de Residuos non ofrece solucións nin a inclusión dos dous modelos alternativos existentes hoxe en Galicia (Nostián e Lousame) nunha auténtica política de residuos”, tal como defende o PSdeG-PSOE.

SOGAMA

Argumenta Gallego tamén que Galicia "debería contar cunha auténtica Sociedade Galega do Medio Ambiente na que convivan os distintos modelos de xestión de residuos, participada polos concellos e a Xunta de Galicia e con carácter público, que prime os criterios ambientais sobre os económicos". Sinala ademais que esta solución evitaría os problemas que hoxe teñen os sistemas alternativos de xestión de residuos con nulo apoio da Xunta de Galicia namentres a SOGAMA se mantén cunha participación pública do 51% co diñeiro de todos os galegos e galegas independentemente de se estes escolleron para a xestión dos residuos nos seus concellos este ou outro modelo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical