O 25 de novembro hai pleno municipal na Pobra A Pobra do Caramiñal, 25 de novembro de 2010. O Bng da Pobra presentará hoxe unha moción para ser debatida no Concello na que reclama a eliminación de varias taxas que consideran obsoletas ou fóra da realidade deste concello. Como é costume, reproducimos íntegra a moción para que se decaten de primeira man das reivindicacións dos nacionalistas pobrenses.
Rosana Pérez Fernández, concelleira e portavoz do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego nese Concello, ao abeiro do anuncio de exposición pública da aprobación inicial do expediente de modificación das ordenanzas fiscais para o exercicio 2011, publicado no BOP número 200, do pasado 20 de outubro, presenta, en tempo e forma as seguintes
RECLAMACIÓNS:
1ª.- TOTALIDADE DAS ORDENANZAS FISCAIS:
Dende hai anos, este Grupo Municipal vén reclamando do Grupo de Goberno unha profunda revisión da totalidade das Ordenanzas Fiscais: Algunhas estás obsoletas, moitas outras non se adaptan á nosa realidade, etc. Entendemos que o momento actual, de crise e grande incertidume económica, supón unha ocasión inmellorábel para non efectuar unha aprobación sistemática e rotineira das ordenanzas fiscais, senón para levar a cabo a mencionada e necesitada adaptación, polo que
SOLICITAMOS:
Unha fonda revisión, co concurso e aportación dos tres grupos políticos presentes na Corporación, ademais do pertinente asesoramento técnico, da totalidade das ordenanzas fiscais municipais.
2ª.- ORDENANZA FISCAL N. 7, REGULADORA DA TAXA POLO SUBMINISTRO E ACOMETIDA Á REDE XERAL DE ABASTECEMENTO DE AUGA POTÁBEL, ASÍ COMO DA CONSERVACIÓN DE CONTADORES E ACOMETIDAS:
2ª-A.- A recentemente aprobada Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia (publicada no DOG nº. 222, do pasado 18.11.10.) vai supor un incremento importante nos recibos da auga de todas e todos os beneficiarios da traída municipal de augas. Ademais, por primeira vez na nosa historia e de xeito absolutamente inxusto, vaise gravar o consumo de auga daquelas persoas que non dispoñan do servizo municipal e se estén abastecendo de captacións propias. Tendo en conta este factor e a situación de grave crise económica actual, consideramos que non é oportuno subir, nin siquera o IPC, a taxa polo subministro de auga potábel, polo que
SOLICITAMOS:
A conxelación da ordenanza fiscal nº. 7, no referente ao subministro e acometida á rede xeral de abastecemento de auga potábel.
2ª-B.- Consideramos, tal e como temos manifestado reiteradamente, que a taxa de conservación de contadores e acometidas é absolutamente inxusta e innecesaria por aplicárselle á totalidade dos/as abonados/as cando as averías que se producen nas acometidas e o número de contadores que se cambian ao ano representa unha porcentaxe mínima en relación ao total, polo que
SOLICITAMOS:
A supresión da taxa de conservación de acometidas e conservación de contadores.
3ª.- ORDENANZA FISCAL N. 10, REGULADORA DA TAXA POR OCUPACIÓN DE TERREOS DE USO PÚBLICO POR MESAS, CADEIRAS E ELEMENTOS AUXILIARES CON FINALIDADE LUCRATIVA:
Tamén temos manifestado en distintos debates plenarios as nosas consideracións a respecto da ordenanza nº. 10. Consideramos que debera ser reestruturada, básicamente por dúas razóns: Supera a todas as establecidas polo mesmo concepto nos concellos do resto da comarca, e os metros estipulados para unha mesa e catro cadeiras (4 m. cadrados), así como o prezo para cada mesa/mes (30,62) son excesivos e fóra da realidade do sector hosteleiro do noso concello e tamén da realidade económica que estamos a vivir, polo que
SOLICITAMOS:
- Se axusten á relidade os metros estipulados para unha mesa e 4 cadeiras.
- Se adapte o prezo de cada mesa/mes tamén á realidade do sector hosteleiro do noso concello e á conxuntura económica actual.
4ª.- ORDENANZA FISCAL N. 20, REGULADORA DA TAXA POR SERVIZO DE SUMIDOIROS E DEPURACIÓN:
4ª-A.- Con idéntica argumentación que a utilizada na reclamación 2ª-A, na páxina 1 do presente escrito,
SOLICITAMOS:
A conxelación da ordenanza fiscal nº. 20, no referente á taxa por servizo de sumidoiro e depuración.
4ª-B.- No referente á taxa de conservación das acometidas de saneamento, consideramos que é inxusta e innecesaria xa que se impón á totalidade das abonadas e abonados cando as reparacións nas acometidas se producen nunha porcentaxe mínima (aprox. o 3% dos casos), polo que
A supresión da taxa de conservación das acometidas de saneamento.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario