12.11.10

A Pobra: subvencionado o proxecto para remodelar as prazas de Maura, Rosalía de Castro, de Galicia e rúas adxacentes

O alcalde, Maceiras Rivas, e o redactor do proxecto, Andrés Fuentes, na rolda de prensa

A Pobra do Caramiñal, 12 de novembro de 2010. A Consellería de Economía e Industria concedeu a subvención do proxecto para “Remodelación e Acondicionamento da Praza de Maura, Praza de Rosalía de Castro, Praza de Galicia e adxacentes”. O orzamento total desta actuación elévase aos 139.783,40 €, dos cales o 70 % (104.837,50 €) achegaraos a Consellería ao abeiro da Orde do 22 de xullo de 2010 (Plan Ágora, agora Re-Comercia 2010-2013) e o 30% restante (34.945,90 €) o concello con cargo aos seus orzamentos.

     As prazas Rosalía de Castro e de Maura presentan un pavimento de enlousado granítico, en bo estado de conservación, precisando unicamente unha limpeza e novo encinte entre as súas lousas. No caso da Praza de Maura existen algunhas lousas deterioradas que precisan de substitución. No caso da Praza de Galicia: presenta un pavimento a base de adoquín cunha fonte ornamental e zonas axardinadas, en bo estado de conservación.

     As rúas que comunican a praza de Maura coa rúa Extremo e coa rúa Castelao, presentan un pavimento de formigón ou baldosa que xa non reúne as condicións esixibles para unha zona céntrica e comercial como esta e ademais as súas instalacións están xa obsoletas como é por exemplo a rede de saneamento en fibrocemento.

     O proxecto consistirá na limpeza e encinte das prazas de Maura e Rosalía de Castro, coa reposición das lousas danadas e mellora da rede de alumeado público. As fontes de ámbalas dúas prazas serán acondicionadas, procedendo á impermeabilización do vaso, limpeza do granito e instalación dun sistema de recirculación de auga que permita un aforro considerable de auga.

     Na praza de Galicia procederase a dar continuación tanto á beirarrúa como ao pavimento da propia praza. Nas rúas pavimentadas en formigón procederase á substitución por un enlousado de granito máis acorde co caracter peonil da rúa.

     No referente á instalación de saneamento, evacuación de pluviais e abastecemento, procederase á súa substitución ou nova implantación nas zonas de nova pavimentación, procedendo á limpeza e mantemento de aquelas situadas nas prazas nas que non se vai a levantar o pavimento. No referente á rede de alumeado público, substitúense as luminarias existentes, por luminarias tipo palacio, aproveitando tamén as obras para cambiar a rede de subministro eléctrica aérea por canalización soterradas nas zonas onde se proceda á reposición do pavimento.

Á rúa poeta Manuel María tocaralle o plan de humanización máis adiante

     "Esta liña de dinamización e humanización non quedará parada xa que este equipo de goberno vén desenvolvendo, e pretende seguir facéndoo, proxectos do mesmo xeito nas restantes rúas e transversais do casco urbano, e como exemplos temos as rúas Castelo, Rafael Calleja, Cardeal Patiño e as súas transversais, Unión, Estremo, Manuel María, Fernández Varela, Xogo da Bola, María Mariño, Manuel Hermo Vidal e Domínguez Fontán, as prazas Cinco Calles, Paulino Santos, Victoriano García Martí, Cantón da Leña e os xardíns e praza Valle-Inclán", aclarou o alcalde.

     Ademais, explicou que "para o pequeno comercio é necesaria a proximidade, a concentración dos negocios e os accesos axeitados para os peóns, por iso con este proxecto encamiñado a revitaliza-lo, tanto os propios comercios coma os veciños destas rúas benefícianse da mellora en servizos coma da nova imaxe que terán".


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical