13.12.10

Rianxo: o Bng posiciónase ante os orzamentos municipais para 2011 e indica ata unha ducia de referentes a seguir para votar a favor

Os nacionalistas rianxeiros non agardan "grandes investimentos" pero queren que non se supriman servizos "mentres mantemos luxos como un secretario persoal do alcalde".


Rianxo, 13 O grupo municipal do BNG de Rianxo diante do proceso de elaboración dos orzamentos municipais para o ano 2011 emitiu unha nota de prensa na que busca unha "achega de referentes xerais para o maior consenso posíbel na súa confección. Somos conscientes do estado actual de crise da facenda municipal e deste xeito non agardamos grandes investimentos, mais tampouco podemos compartir que se supriman servizos por exemplo, mentres mantemos luxos como o de manter en nómina un secretario persoal do alcalde ou negarse a facer concursos con publicidade e libre concorrencia de empresas e orzamentos ou se privatizan servizos como a actual volta a unha asistencia técnica de urbanismo por horas".

Non obstante, para o BNG "non é sacar adiante unhas pequenas actuacións concretas as que nos farán aprobar ou non os orzamentos, son outras cuestións globais sobre o xeito de xestionar. A experiencia inmediata de aplicar o rodillo e non incluír ningunha das propostas do BNG ao Plan de Obras da Deputación 2011 xa nos da unha idea por onde van ir os tiros do equipo de goberno".

O Bng adianta que só aprobará os orzamentos de Rianxo "se adoptan uns criterios básicos de planificación a medio e longo prazo, de transparencia na contratación e eficacia na xestión cotián do concello, de coherencia na política de investimentos, de priorizar gastos e de optimizar os equipamentos e persoal, entre outros".

As propostas do Bng son:

  1. "Elaboración dunha Auditoría dos servizos básicos de alumado e dos gastos enerxéticos do concello de cara á renovación e necesaria unificación do mantemento do alumado nun só contrato en troques dos dous de hoxe en día, contrario a calquera principio de eficacia e xestión e de dubidosa xustificación, un feito que até os interventores teñen denunciado.

  2. Plan plurianual de investimentos e auditoría xeral da rede de abastecemento de auga. O plan recollería as necesidades básicas de dotacións e servizos de abastecemento en todas as parroquias, un plano que establecería os obxectivos e o orzamento necesario a curto e medio prazo para que se vaian acometendo obras planificadamente. A interventora constatou xa no informe das contas que nin se sabe cal é a extensión total da rede de abastecemento, primeira medida no que atinxe a estes orzamentos. En tres anos non fixeron nada para corrixilo. A Xunta está a elaborar o estudo do saneamento así que faltaría esta pata: o abastecemento.

  3. Compromiso de convocar unha Oferta Pública de Emprego de alomenos cinco persoas a convocar por oposición libre para saír ao paso da alarmante precariedade laboral deste concello, abrindo as perspectivas laborais da mocidade de Rianxo.

  4. Adoptar dun regulamento de selección de persoal temporal e listas de agarda consensuadas no pleno e cos representantes dos traballadores que garanta os principios básicos e constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, ademais do de publicidade.

  5. Impulsar os concursos de obras con publicidade, sen abusar dos procedementos negociados e sen publicidade. Un millón a unha soa empresa levan adxudicados nestes últimos dous anos en tema de alumado e susbstitución de bombillas. Na práctica non existe a concorrencia.

  6. Cubrir este ano a praza de Arquitecto/a Funcionario/a da Admón. Xeral. É preciso un equipo obxectivo e independente de traballadores municipais que dea a maior garantía aos veciños e veciñas, de calquera cor política.

  7. Ingreso inmediato na Axencia Galega de Protección da Legalidade Urbanística.

  8. Creación do Patrimonio Municipal do Solo, previsto nas Leis e dotado con todos os ingresos procedentes das cesións obrigatorias de chan ou o seu equivalente económico. Este patrimonio destinarase a crear Vivenda de Protección Oficial. Hoxe seguimos carecendo dun inventario actualizado de bens do Concello, sendo a data de referencia 31/12/1992, o que nos deixa nunha situación de descoñecemento a día de hoxe,  dezaoito anos despois, dos bens municipais reais do Concello de Rianxo.

  9. Plan de amaños dos centros escolares e parques infantís. Entre elas o repintado do Colexio Público de Taragoña e o cambio de zona de xogos de Asados.

  10. Adopción dun regulamento de participación cidadá. Este regulamento, que será remitido a todas as casas incluirá a información necesaria para que todos e todas coñezamos os nosos dereitos como cidadáns para intervir nos asuntos públicos. Entre outros terá como elementos básicos garantir a participación veciñal nos plenos para intervir nas cuestións e temas da súa competencia.

  11. Optimizar os locais públicos dispoñíbeis, cunha dotación de persoal suficiente para atendelos, en troques de realizar novos investimentos que xeralizan a desatención. O Auditorio infrautilizado por falta de persoal de conserxería polas tardes, o Museo do Mar pechado nos fins de semana, etc... A Biblioteca pechando cando colle vacacións a bibliotecaria, así todos os equipamentos.

  12. Crear un comisión coa participación dos grupos políticos que impulse e fiscalice a participación do concello en insitucións e entidades supramunicipais: DELOA, Grupos Acción Costeira, Mancomunidade, nestes momentos baixo o único control do Alcalde".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical