5.1.11

Ribeira: xa non quedan escusas para non practicar deporte nas parroquias

O Concello completou o seu proxecto para instalar parques biosaudables nas nove parroquias. Investíronse 84.000 euros en todos os aparatos colocados. Os últimos foron postos en Artes, Carreira, Castiñeiras, Oleiros e Olveira

Barbanza está a inzarse destes parques. Algúns, como este de Boiro, teñen ata xogos de mesa. Iso si, hai que levar as pezas

Ribeira, 5 de xaneiro de 2011.- O Concello acaba de completar o seu proxecto de que as súas nove parroquias conten con cadanseu parque biosaudable, na procura de propiciar hábitos máis saudables entre os adultos do municipio e moi especialmente nas persoas maiores, permitíndolles exercitarse ao aire libre a través de distintos aparatos específicos para mellorar a psicomotricidade, a flexibilidade, a forza e o sistema cardiovascular.

Isto foi posible tras a instalación estes días de novos equipos de ximnasia en Artes, Carreira, Castiñeiras, Oleiros e Olveira, que se veñen a sumar aos parques xa existentes nos núcleos de Aguiño, Corrubedo e Palmeira, así como na cidade de Santa Uxía, que conta con dúas instalacións: unha situada na praza de Pedra Pateira e outra no paseo de Coroso.

Os cinco novos parques están localizados fronte ao Centro Recreativo de Artes (ten catro aparatos), xunto á Capela da Guía en Carreira (cinco aparatos), en Fonterramil en Castiñeiras (seis aparatos), na zona dos Muíños en Oleiros (tres aparatos), e diante da Igrexa de Bretal en Olveira (tres aparatos).

Máis aparatos noutros parques ribeirenses

Ademais, a actuación incluíu a instalación de novos aparatos noutros parques biosaudables existentes. Concretamente, no parque de Corrubedo instalouse un aparato máis (e con este incluído xa conta con cinco), en Palmeira un máis (tamén ten cinco) e en Aguiño outros dous (ata sumar sete aparatos).

Esta nova actuación contou cun orzamento de 28.000 euros, que, sumados aos 56.000 euros xa desembolsados, ascenden a un total de 84.000 euros investidos polo Concello de Riveira nos dez parques biosaudables que hai no municipio.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical