4.2.11

A Pobra do Caramiñal: alumnos e mestres de Salceda de Caselas visitaron o museo e o roteiro de Valle Inclán


"Valle é o mestre da xuventude imbécil de Galicia", dixo o rianxeiro Manuel Antonio no seu día. O arousán sempre espertou división de opinións. Na imaxe, con Otero Pedrayo por Ourense.

A Pobra do Caramiñal, 4 de febreiro de 2011. O pasado xoves día 3 de febreiro, un grupo de estudantes procedentes do centro de ensinanza IES de Salceda de Caselas, achegáronse ata as terras da Pobra do Caramiñal coa intención de coñecer de cerca o lugar do Barbanza que tanto significou na vida de Valle-Inclán. Foron un grupo de 60 mozos e mozas que, previamente cultivados pola súa mestra de literatura, escolleron este destino coa intención de achegarse ós lugares máis relacionados co escritor na súa vila da Pobra.

O percorrido iniciouse no Museo Valle-Inclán, abríndose a visita co recitado dalgúns textos escolleitos da obra do escritor na praza do Cantón da Leña, para logo dirixirse ás instalacións que acolle a Torre de Bermúdez, onde logo de coñecer o seu contido, fixeron novos recitados e escenificacións nas salas de Max Estrella e Bradomín.

Pero o itinerario non rematou aquí. Estes alumnos, que tanta admiración colleron polo gran literato, emprenderon tamén o camiño da “Ruta Vital e Literaria” do autor das Comedias Bárbaras na Pobra, pasando por Villa Eugenia, Farmacia Tato e o conxunto monumental da Igrexa de Santiago do Deán e os pazos barrocos de O Couto e Casa Grande de Aguiar, onde uns novos recitados ambientaron o momento antes de acometer unha visita panorámica en autobús polas terras do Xobre,  praias de Cabío e Lombiña, e o paseo do Areal. Logo de tan completo percorrido decidiron descansar merendando nos remozados Xardíns de Valle-Inclán.


O dolmen de Axeitos foi redescuberto polo pai de Valle

A primeira hora da tarde acometeron a subida ós montes da Curota para coñecer aqueles lugares onde Valle acudía de cando en cando a romaxes e a disfrutar dunhas vistas envexables que no seu día serviron de inspiración ó gran escritor arousano. Remataron o día, antes de iniciar o retorno a Salceda, coa visita ó dolmen de Axeitos, un dos máis recoñecidos monumentos megalíticos que conta ademais coa particularidade de ter sido descuberto polo pai de don Ramón.

Acompañados ó  longo de todo o día por tres dos seus Mestres e a técnica do Museo Valle-Inclán Begoña Olveira Sanisidro, os mozos non deixaron en ningún momento da ruta de aportar a súa participación con recitados de pasaxes escolleitos de diversas obras de Valle, entre as que por suposto, non faltou un fragmento de Sonata de Otoño.

Encantados coa visita, os Mestres prometeron volver o vindeiro ano cun novo grupo de alumnos para que unha nova promoción poida disfrutar da posibilidade de coñecer a Viana del Prior que tanto quixo don Ramón.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical