Rianxo, 21 de febreiro de 2011. O candidato á alcaldía do BNG de Rianxo, Adolfo Muíños, visitou as instalacións deportivas do Club de Remo de Rianxo acompañado polos membros da xunta directiva da entidade. Muíños agradeceu sinceramente a visita para coñecer as interioridades das instalacións e marabillouse do esforzo colectivo que realiza a agrupación para impulsar este deporte. Amosouse totalmente de acordo coa valoración da directiva do club para sinalar que estamos diante dun dos deportes de referencia de Rianxo, dos que teñen que ser especialmente agarimados pola administración local: "é un deporte tradicional que nace do mar, como o propio Rianxo, e recolle a tradición remeira noutros tempos vinculada ao traballo e hoxe ao tempo de lecer", manifestou.
A xunta directiva trasladou as dificultades que hoxe son comúns a algúns outros deportes, para conseguir patrocinios, o mantemento das instalacións, o custe da renovación dos materiais (as traíñas fanse en asteleiros de Euskadi e acadan os 36.000 euros), dos medios de transporte para a competición, que supón o traslado do material en remolques, as distancias a percorrer... Pero tamén fixeron partícipe ao candidato do amor desinteresado por este deporte, dos moitos sacrificios dos compoñentes ao longo do ano para un período relativamente curto de tres meses de competición. Chova ou vente, adestran toda a semana na dársena rianxeira. Conta o club de remos con setenta integrantes na actualidade nas diferentes categorías, entre elas unha de mulleres.
Adolfo Muíños, acompañado da edila Marité Sobradelo, confesáronse "abraiados" por tanto traballo, que asumiron "debe ir acompañado dunha similar implicación municipal en sostelo e dar maior presenza e recoñecemento institucional a este deporte na localidade que gañou o ano pasado 2010 o ouro no Campionato de España de bateis cadete e bronce na súa primeira participación en banco fixo en Dénia-Valencia levando o nome de Rianxo por todo o estado e Galiza coa Liga Galega de Traíñas".
Compromisos adquiridos
Os nacionalistas sinalaron que hai un "compromiso ineludíbel, en primeiro termo, coa celebración da VII Bandeira de Concello de Rianxo neste 2011 que permite competir ás nosas embarcacións na liga de traíñas do noroeste". Adolfo Muíños apuntou a necesidade de darlle a maior relevancia local ás competicións "e mesmo favorecer sinerxias con outros colectivos do concello para crear ese ambiente de festividade e apoio colectivo a este deporte". Tamén avogou polo mantemento das axudas que o convenio coa Deputación posibilita para o financiamento da monitoraxe e adestradores dos clubs rianxeiros e por buscar canles de colaboración para mellorar e reparar unhas instalacións levantadas polo propio club.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario