Rianxo, 21 de febreiro de 2011. O vindeiro sábado, 26 de febreiro, terá lugar no auditorio rianxeiro un concerto da Banda da Escola de Música da localidade, con José Rodríguez Ramos como director convidado. O concerto comeza ás oito da tarde. Para conseguir entradas, como é habitual, comezaranse a repartir unha hora antes por rigoroso orde de chegada, cun máximo de dúas por persoa.
Quen é José Rodríguez Ramos?Segundo Ópera Prima, José Rodríguez Ramos nace en Araño (Rianxo). Aos sete anos de idade comeza os seus estudos musicais en Evian-Les-Bains (Francia). Debuta na banda municipal desta localidade tres anos máis tarde. De regreso ao país, prosegue
os seus estudos de trompeta e inicia os de piano no Conservatorio Superior de Música da Coruña. Durante esta etapa, pasa a formar parte da Banda Infantil de Taragoña. Máis tarde trasládase a Santiago, onde segue a estudar trompeta co mestre Maximino Boga no conservatorio desta cidade. Desde o ano 1988 en diante, conflúen unha serie de circunstancias que marcarán o seu futuro profesional. En primeiro lugar, pasa a formar parte da Banda Municipal de Santiago, agrupación na que presta os seus servizos durante tres anos. É nesta época cando asiste a varios cursiños co profesor José María Ortí Soriano, do Conservatorio Superior de Música de Madrid e trompeta solista da Orquesta Nacional de España. A partir deste momento, compaxina as clases que este profesor imparte na Academia
Santa Cecilia de Madrid cos estudos oficiais no conservatorio compostelán, onde obtén o título de profesor superior de trompeta.
En 1990 ingresa por oposición na Banda Municipal da Coruña. Nesta nova etapa imparte cursiños en diversas localidades da xeografía galega e tamén colabora coas máis diversas agrupacións do noso país, como son: o Grupo de Metais Santa Cecilia de Ferrol, o Grupo de Metais de Santiago, Coruña Brass, o Grupo de Metais de Galicia, a Banda Sinfónica de Galicia, a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Orquestra de Cámara da Coruña, coa que actuou de solista. Outras das súas facetas musicais foron as de colaborador de varias escolas de música, mestre de trompeta no Conservatorio Profesional de Música de Ferrol ou director da Banda de Música de Vilalba. Continúa a perfeccionarse no seu instrumento con profesores da talla de Vicente Martínez, Juan Carlos Alandete ou Benjamín Moreno e segue os cursos que imparte José Ortí. No verán de 2003 ingresa por oposición no corpo de profesores de conservatorio. Desde este momento, imparte docencia no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, faceta que compaxina coa de director da Banda Artística de Merza.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario