14.4.11

Mar: a Xunta insiste en que as gaiolas de salmón están avaladas por informes técnicos e descarga culpas no bipartito anterior

O director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro reiterou que o traslado das gaiolas a Muros C está avalado con informes técnicos

Media_httpfarm6static_aachp

A Xunta non consegue parar as mobilizacións contra as gaiolas de salmón


Santiago de Compostela, 14 de abril de 2011.- O director xeral de Competitividade e Innovación tecnolóxica, Juan Maneiro, volveu incidir hoxe na comisión de pesca en que a Consellería do Mar nunca estivo a favor da instalación das gaiolas de salmón na ría de Arousa, dado que é unha zona masificada “que soporta máis da metade das bateas de Galicia e que, ademais, ten unha importante presión por parte da pesca e do marisqueo”. Neste sentido Juan Maneiro insistiu en que este é o resultado dunha situación herdada, perniciosa e mal xestionada polo anterior goberno dende o primeiro momento”, xa que a resolución de autorización para a súa instalación na Ría de Arousa foi en agosto de 2008.

O que fixo o actual goberno da Xunta, segundo subliñou o director xeral, foi “asumir este asunto e tódalas súas consecuencias e tentar levalo a unha situación satisfactoria, tanto para a propia empresa coma para a administración e os cidadáns”. Segundo incidiu, actuou atendendo aos dereitos adquiridos pola empresa que desenvolve o proxecto. Maneiro insistiu en que iniciativas deste tipo, con repercusión na explotación mariña, deben ser analizadas axeitadamente e informar delas aos sectores produtivos. Neste sentido, lembrou que no expediente do proxecto autorizado polo anterior goberno non constaba que se informara e consultara ás confrarías, bateeiros e produtores, algo que sí fixo o goberno actual nun “exercizo da máxima transparencia”, recalcou.
Juan Maneiro insistiu en que a Consellería do Mar remitiu ás confrarías Noia, Muros, Portosín, Porto do Son e a asociacións de mexilloeiros da zona toda a información sobre o traslado e lembrou que se propiciaron varias reunións co sector para explicar o proxecto e atender as dúbidas que xurdisen ao respecto. Ademais lembrou que a Consellería solicitou por escrito ao sector informe sobre o proxecto das gaiolas e que estas alegacións sectoriais foron remitidas ao Clúster de Acuicultura e á Universidade de Vigo. Ambos organismos, lembrou o director xeral, determinaron que as alegacións das confrarías e entidades non están fundamentadas e valoraron favorablemente o traslado das gaiolas á ría de Muros-Noia.

Maneiro fixo fincapé en que o polígono de Muros C é o lugar máis axeitado para a instalación das gaiolas “por ser a única zona onde estaba autorizado un polígono , dende os anos 80, dedicado aos cultivos mariños e totalmente baleiro” e reiterou que o traslado conta con todos os informes técnicos necesarios, que son os mesmos que se realizaron para a instalación inicial, “a pesares de que é un traslado”, subliñou. Asegurou que o polígono Muros C é o máis axeitado para a súa viabilidade social, económica e ambiental. Neste sentido engadiu que “a viabilidade social implica ter unha repercusión posititiva e contrastable na sociedade na que vai influír” aspecto que coincide con este proxecto co que se prevé xerar máis de 300 novos postos de traballo - 109 directos e 200 indirectos-. Así mesmo, o director xeral subliñou que a viabilidade social non se interpreta como ceder á presión de determinados colectivos, salvo que “estas presións estean debidamente xustificadas e avaliadas técnica e cientificamente”.
 

Defensa do mexillón de Galicia

En relación coa denuncia interposta polo Consello Regulador do Mexillón, o director xeral deixou claro que a Consellería do Mar e o Instituto Galego de Consumo coordinaron as súas actuacións para investigar e “ir ao fondo deste asunto”, independentemente da retirada da denuncia “en defensa da Denominación de Orixe Protexido e dos dereitos dos consumidores”. De feito o director xeral comprometeuse a comparecer na comisión para facer público os resultados das indagacións.

Maneiro explicou que, neste caso, a Xunta solicitou á empresa denunciada toda a documentación de compra de mexillón aos distintos cocedoiros galegos e a documentación dos procesos de fabricación e envasado deste mexillón. A maiores, o director xeral informou da campaña de verificación da etiquetaxe das conservas galegas de mexillón no punto de venda que está a deseñar e a desenvolver o IGC. “Ademais o IGC está á procura dun laboratorio oficial para realizar as análises correspondentes coas garantías necesarias”, dixo, e ao respecto lembrou que a día de hoxe só o departamento de Bioloxía Molecular de ANFACO-CECOPESCA é o único acreditado para a análise xenética.

O responsable de Competitividade e Innovación lamentou as formas empregadas polo Consello Regulador do Mexillón “por facer públicos uns supostos feitos que deberían ter negociado entre ambas partes tal e como logo se fixo”. Mantivo que a Consellería considera que o informe presentado polo organismo ten crédito científico aínda que con matices.

Antes, en Certo:




Precampaña: a oposición ás gaiolas de salmón amólalle un mitin ao PP

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical