14.4.11

Ribeira e Noia: a Xunta di que se está a solucionar a depuración, logo da sentenza de Europa por esta causa

A día de hoxe, di o executivo autonómico, "a localidade de Noia é conforme á directiva europea, posto que xa ten en funcionamento a súa estación depuradora de augas residuais". No caso de Ribeira, estase a preparar o anteproxecto, no que se foron incluíndo as análises realizadas no Plan de Saneamento Local, co obxectivo de comezar as obras de construción da nova EDAR durante este ano 2011

Media_httpfarm2static_bgxoq

Santiago, 14 de abril de 2011.- A Xunta de Galicia asegura que está a poñer nestes momentos os medios técnicos e financeiros necesarios non só para cumprir os requisitos da directiva comunitaria de 1991 sobre augas residuais urbanas á que fai referencia a sentenza da Unión Europea, senón tamén, para levar a cabo o compromiso do bo estado das todas as masas de auga (costeiras e internas) da demarcación hidrolóxica de Galicia-Costa no 2015.

Este compromiso, que é o eixo principal da Directiva Marco da Auga, fachendea a Xunta que "é moito máis ambicioso que o que pretende a Directiva de augas residuais na que se basea a sentenza, xa que busca resultados de calidade no medio receptor por medio de actuacións sobre todos os aspectos que causan contaminación nos nosos ríos e costas e non só sobre as augas residuais urbanas dos núcleos máis importantes".

Por tanto, asegura o ente autonómico, o traballo da Xunta de Galicia permitirá en breve cumprir os obxectivos na depuración dos grandes núcleos, e o que é máis importante, asegurar o bo estado ecolóxico das nosas augas.

En calquera caso, a Xunta de Galicia xa puxo en marcha todos os mecanismos para resolver a situación da depuración das augas residuais nas cinco localidades nas que ten esta responsabilidade afectadas pola sentenza da UE. Así, a día de hoxe as localidades de Baiona, Noia, Viveiro e Cariño son conformes á directiva europea, posto que xa teñen en funcionamento as súas respectivas estacións depuradoras de augas residuais (EDAR). No caso de Ribeira, estase a preparar o anteproxecto, no que se foron incluíndo as análises realizadas no Plan de Saneamento Local, co obxectivo de comezar as obras de construción da nova EDAR durante este ano 2011.

Hai que ter en conta que a sentenza coñecida hoxe do Tribunal de Xustiza da UE por incumprimento do tratamento das augas residuais urbanas afecta a nove aglomeracións galegas: A Coruña, Cariño, Tui, Vigo, Ribeira, Baiona, Noia, Santiago e Viveiro. Porén, as instalacións de Vigo, A Coruña, Santiago e Tui son de Interese Xeral do Estado ou confinanciadas polo Estado, polo que dos seus prazos da conta a Administración Central.

A Xunta de Galicia xa enviou (en agosto de 2010) a documentación referente a este asunto ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño respecto das aglomeracións nas que ten a responsabilidade sobre a depuración das augas, mentres que nas catro restantes é o propio Ministerio quen debe achegar a información.

A directiva europea sobre augas residuais urbanas obriga a que as aglomeracións de máis de 15.000 habitantes teñen que dispor de sistemas colectores e someter a un tratamento secundario ou un proceso equivalente as augas residuais urbanas. Así mesmo, os estados membros deben velar para que as augas residuais que entren nos sistemas colectores sexan obxecto, antes de verterse, dun tratamento secundario ou dun proceso equivalente.

A Directiva Marco da Auga, que é unha normativa moito mais actualizada e ambiciosa que a Directiva de 1991, é a que está a marcar nestes momentos as actuacións da Xunta de Galicia para lograr un bo estado ecolóxico das nosas augas en 2015.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical