Quico Cadaval e Suso de Toro, entre os "famosos" invitados
A Pobra do Caramiñal, 13 de abril de 2011. Os alumnos, e mesmo os profesores do instituto pobrense, que está a celebrar o seu 25 aniversario combinándoo coa súa sétima Semana Cultural, estiveron ata arriba de actividades o pasado martes, co gallo do segundo día da Semana Cultural.
Remataron os rapaces de 1º ESO os talleres de caza e metalurxia con gran interese e aceptación por parte do alumnado. Os rapaces de 4º da ESO traballaron en obradoiros sobre o mexillón, recopilaron información que se levará a Lituania no encontro europeo que haberá en maio.
O departamento de Física e Química traballou nun obradoiro de química denominado "Reacciona", no que se fixeron espectaculares reaccións, con luz e lume, para os alumnos de 3º ESO.
A asociación Quérote falou de educación afectivo-sexual aos rapaces de 2º da ESO. Outro taller de grande interese levouno a cabo o departamento de Ciencias naturais co título “Buscando biomolecas” . No laboratorio fixeron distintas prácticas para analizar as biomoléculas presentes en distintos alimentos.
Xa no eido máis literario,o escritor Suso de Toro deu unha conferencia para os rapaces de 1º de bacharelato, cunha interesante reflexión do que é literatura nas nosas vidas e como evolucionou co tempo. Suso de Toro, que dixo hai uns meses que deixou a escrita, entende a literatura como "transmisión do que a imaxinación do artista crea". Reflexionou como se transmitía na antigüidade, na memoria do artista que a leva de sitio en sitio, chegando ao xuglar e as cancións e como todo isto se revoluciona coa chegada da imprenta, e como evoluciona ata a actualidade, que nos invade, na música, nas series televisivas, nos libros e nos novos formatos dixitais que seguramente, pensa el, eliminen os libros tradicionais.
Finalmente, pero non con menor interese e xolgorio, o actor e director de teatro ribeirense Quico Cadaval estivo durante unha hora e media entretendo aos profesores e alumnos de 1º e 2º de bacharelato cun monólogo titulado "Pantasmas familiares", Inspirado nos contos e lendas populares. Nesa divertida parrafada mistura o seu peculiar humor coa tradición e con apuntes culturais varios, dende a literatura á historia, pasando polo máis insospeitado.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario