13.4.11

Ribeira: o alcaldable do PP propón melloras para os afectados polo parque dunar e un plan estratéxico para o porto "máis ambicioso que o do Psoe"

Reunin_parque_natural

Ribeira, 13 de abril de 2011.- Ante medio centenar de propietarios afectados polo Parque Natural que se reuniron no salón de actos da Comunidade de Montes de Carreira, o candidato á Alcaldía de Ribeira polo Partido Popular, Manuel Ruiz Rivas, tivo ocasión de explicar os antecedentes que conduciron á situación de inseguridade xurídica que nestes momentos afecta ás súas propiedades e espuxo as medidas que se están a tomar para saír desta situación. De igual xeito, o candidato popular comprometeuse a erixirse en portavoz do malestar destes veciños para que as súas voces sexan escoitadas polas autoridades competentes, e ratificoulles a súa intención de que o parque dunar se erixa como o principal motor económico dos núcleos que neste espazo se integran.

Ruiz Rivas lembrou que as dúas normas historicamente reguladoras do tratamento dos núcleos situados no parque (é dicir, o Plan de Ordenación de Recursos Naturais (PORN) de 1992 e o Plan Xeral de Ordenación Municipal de 2002) víronse superados por lexislacións posteriores, como a Rede Natura 2000, a Lei de Patrimonio da Biodiversidade de 2005 ou as modificacións posteriores á Lei do Solo. Como consecuencia da nova normativa, nestes momentos (e xa dende 2005) os propietarios vense imposibilitados para exercer as labores que realizaban tradicional e historicamente nas súas fincas, ao tempo que se paralizou o outorgamento de licencias para a ampliación dos núcleos.

Ante esta situación, Ruiz Rivas comprometeuse a que o novo PORN, que ten valor de figura urbanística segundo a última reforma do Lei do Solo de 2010, conteña, ademais do uso residencial, outros usos diferentes como a realización de aparcamentos, infraestruturas hoteleiros, locais de restauración ou establecementos de turismo rural. Así mesmo, mostrouse disposto a actuar de mediador ante as autoridades competentes para que se conte coa opinión dos afectados na elaboración deste PORN.

Vindeira reunión

A tal efecto, nas próximas semanas os propietarios manterán unha reunión con responsables de Conservación da Natureza e da empresa adxudicataria do PORN para expoñer a súa opinión sobre o que debe ser o mesmo.

De igual xeito, Ruiz Rivas explicou que a adaptación do Plan Xeral á Lei do Solo e ao propio PORN efectuarase a través dun Plan Especial de núcleos rurais, que unha vez aprobado non será necesaria a previa solicitude de informe da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia.

Manuel Ruiz informou igualmente de que a aprobación do PORN dará lugar á posibilidade de acceder anualmente a axudas europeas e mostrouse disposto a informar das axudas polas desfeitas que os xabarís están facendo en fincas do parque.

Media_httpfarm6static_vcgzr

Plan Estratéxico para o Porto e a nova lonxa

Ruiz Rivas propón que o porto conte cun Plan Estratéxico ambicioso, capaz de dinamizar este recinto, acentuar a súa capacidade de comercialización baseándose no potencial inmenso da Nova Lonxa e redefinir as súas relacións coa cidade de Santa Uxía dende o punto de vista loxístico e arquitectónico. 

“O PSOE está tentando seguir os pasos que nós xa temos dado, pero por enriba  fano cunha notable falta de ambición”, declarou. Neste sentido, o candidato popular entende que o plan director proposto polos socialistas é un instrumento ordinario de xestión que xa teñen todos os portos e, por ende, aclarou que a reordenación do porto xa é algo ineludible se queira ou non, pois así o obriga de por si a edificación da Nova Lonxa, ao ocupar o triplo de superficie que a instalación actual, que a súa vez quedaría sen uso: “Por enriba de perogrulladas, o que Ribeira realmente necesita nestes momentos é un Plan Estratéxico específico que defina, por unha parte, a nova arquitectura de relacións entre o porto e a cidade, e promova, por outra, a mellora da comercialización e da calidade do produto unha vez coñezamos o proxecto da Nova Lonxa”.  

Cerco, altura e conxelados

Con relación á  nova Lonxa, Manuel Ruiz entende que o Plan Estratéxico que el propón debe servir non só para consolidar o volume de venta actual, senón tamén para expandir a súa área de venta de modo que dea cabida tamén a outras flotas, como a do cerco, a de altura (que actualmente opera principalmente en portos como Marín e Vigo) e a de peixe conxelado. “Deste xeito, a captación de materia prima atraerá a un maior número de compradores e, por tanto, lograremos incrementar o valor do peixe que alí se vende”, dixo. Tamén argumentou que o proxecto da Nova Lonxa terá en conta non só a nova ubicación dos redeiros senón tamén as melloras dos atraques. 

Ruiz Rivas declarou así mesmo que o próximo luns manterá unha reunión co máximo responsable de Portos de Galicia (que exerce tamén como Secretario de Organización do PP). Nesta xuntanza ten previsto expoñerlle a viabilidade deste Plan e darlle conta das demandas manifestadas na súa persoa polo propio sector. O candidato popular explicaralle ao titular de Portos cales son as deficiencias detectadas e os servizos que se poden mellorar, como tomas de augas ou corrente e mellores accesos a través de escaleiras, entre outros. O candidato riveirense solicitará que se inclúan estas melloras dentro do Plan de Obras e Inversións Menores da Consellería. Esta xuntanza servirá igualmente para expoñer a posibilidade de que parte da dotación de material previsto para a Nova Lonxa poida entrar en servizo na actual. 

Cun custe de 18,6 millóns de euros, a Nova Lonxa é o proxecto máis ambicioso de cantos acometeu Portos de Galicia en toda a súa historia. Cun deseño do arquitecto César Portela e Díaz y Díaz Abogados, esta infraestrutura  terá unha superficie de 17.000 metros cadrados (o triplo da actual). A obra foi adxudicada á empresa Acciona. O prazo de execución é de 38 meses e está previsto que comece no terceiro trimestre do ano. Dará emprego directo á máis de 150 persoas.

Relacionada:


Precampaña: a nova lonxa, para este ano primeiras obras, disque

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical