O corrector de números de "Cifras e Letras", Jorge Mira, dará un paseo polos bordes da ciencia cercana. Os interesados tamén poderán aprender que é o grafeno ou os fullerenos.
Ribeira, 8 de abril de 2011. Un ano máis o instituto de ensino secundario Coroso celebra a súa “Semana das Ciencias”, que chega á terceira edición e está organizada polos departamentos de Matemáticas, Física e Química, Bioloxía e Tecnoloxía.Durante unha semana (do 11 ó 15 de Abril), desenvolveranse no instituto diferentes actividades: conferencias, proxeccións de documentais e películas, exposicións, talleres e visitas , todas elas encamiñadas a divulgar o mundo científico ós rapaces fóra do ambiente das clases.
Contarán coa presenza do profesor Jorge Mira Pérez, catedrático de Física e director do programa CONCIENCIA da USC, que impartirá a conferencia “Un paseo polos bordes da ciencia cercana”. Mira, que acaba de publicar un libro, é coñecido tamén pola súa participación no concurso "Cifras e letras", da TVG, na que, xunto a Iolanda Castaño, exercía como corrector dos concursantes.
Fernando Fernández Domonte do INTECMAR falará do “Programa de control da calidade do medio mariño en Galicia”. Haberá tamén unha charla de Francisco Sóñora do Proxecto Climántica: “Fontes e vectores enerxéticos”.
O profesor de Física da Materia Condensada da USC, Jesús Mosqueira Rey falará dun tema de actualidade: ”As novas variantes do carbono: grafeno, fullerenos e nanotubos”.
O martes día 12 de Abril, os alumnos visitarán a illa de Ons, onde desenvolverán diferentes actividades.
Haberá tamén no centro dúas exposicións: ”Momentos matemáticos”, para promover a apreciación e coñecemento do papel relevante que as Matemáticas desempeñan na Ciencia, na Natureza, na Tecnoloxía e na cultura. A outra exposición , “EXPOMETEORO”, está dedicada ao mundo da Meteoroloxía.
Segundo a organización desta Semana das Ciencias, "na sociedade de hoxe en día preténdese que o alumnado teña cada vez máis unha cultura máis ampla. Tendo en conta a optatividade do ensino da ciencia, hai alumnado que remata a educación secundaria con moi pouca cultura científica, mentres que a sociedade reclama unha alfabetización científica cada vez máis ampla como factor estratégico do desenvolvemento das persoas. Por esta razón, entendemos que a Semana das Ciencias constitúe unha plataforma de divulgación científica non formal que pode axudar ó estudantado a acadar unha perspectiva distinta e enriquecedora do coñecemento científico. Dende o IES COROSO esperamos que esta semana volva ser un éxito na participación e satisfacción do noso alumnado, para potenciar deste xeito a súa formación integral como cidadáns".
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario