8.4.11

Dodro. o PP acusa ao bipartito de ocultar información sobre as contas de 2009

Cren que o Concello de Dodro está máis endebedado do que recoñece o equipo de goberno

Dodro, 8 de abril de 2011. O pasado día 1 de abril celebrouse no Concello de Dodro a sesión da comisión de contas para aprobar as contas do ano 2009. Segundo explican os do Grupo Municipal do PP en Dodro en nota de prensa, "unha vez máis o alcalde socialista, Arturo Díaz, e a tenente-alcalde do Bloque, Vitoria Rei, coa colaboración do secretario substituto, ocultaron toda a información posible ós concelleiros do Partido Popular. Se ben a lei marca claramente que a información das contas do Concello deben estar a disposición dos concelleiros 15 días antes, os representantes do Partido Popular a recibiron tan só 10 minutos antes de dar comenzo a reunión da comisión".

Segundo os conservadores dodrenses, "tanto a Rei Mariño como Arturo Díaz deron por boa a reunión a pesar de pisotear unha vez máis o elemental dereito á información, e todo iso coa intención de agochar a dramática situación financeira pola que está a pasar o Concello de Dodro, tal e como vén denunciando dende o Partido Popular. Así, se ben no ano 2008 o déficit foi de -135.000 euros, no ano 2009 o desfase orzamentario foi de -157.000 euros segundo a información facilitada polo propio goberno PSOE-BNG aínda que o Partido Popular ten sospeitas de que en realidade é moi superior. Pero é que ademáis o remanente de tesourería reflicte un déficit de -198.000 euros, o que significa que existe un desfase entre gastos comprometidos e a financiación de máis de 500.000 euros como mínimo".

      Continúan os do PP, na oposición, denunciando que "a situación aínda é máis preocupante, se se ten en conta que os saldos en contas correntes do Concello de Dodro descenderon en máis de 250.000 euros en tan só un ano, e a pesar de que segundo Rei Mariño o noso concello recibira moitas subvencións. O máis grave é que estes datos refírense ó ano 2009, e aínda falta por coñecer a realidade do ano 2010 no que as subvencións e axudas víronse reducidas por causa da crise económica mentres os gastos do goberno PSOE-BNG non deixaron de medrar. O desfase económico a día de hoxe podería acadar o medio millón de euros o que equivale á capacidade de inversión do Concello durante ano e medio".

      Conclúen os populares que "tal e como xa fixo o goberno Touriño-Quintana na Xunta de Galicia, o goberno Díaz-Rei Mariño volve facer o mesmo sen importarlle o máis mínimo os intereses dos nosos veciños e están conducindo ao noso concello a unha situación que requirirá dun enorme sacrificio para poder saír adiante".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical