19.5.11

Boiro: declaran Ben de Interese Cultural na categoría de Zona Arqueolóxica os castros de Neixón en Cespón

Media_httpfarm3static_rdqoa

O aríbalos de Neixón, unha peza que seguramente chegou de Ibiza aló polo século II antes de Cristo

O ámbito que comprende a declaración une ao extraordinario valor patrimonial o singular interese paisaxístico da paraxe natural na que se localizan os xacementos do Castro Grande e o Castro Pequeno de Neixón, aclara a Xunta de Galicia no Consello de hoxe. A delimitación establece unha área de protección integral, que abrangue os dous castros, e un contorno de protección, que é o espazo físico cuxa alteración podería afectar negativamente os valores, estudo e contemplación da zona arqueolóxica

Media_httpfarm3static_amxal

Escavacións en 2008, co CSIC
O destacado interese histórico de Neixón vén determinado porque comprende dous dos asentamentos máis representativos da evolución do mundo castrexo desde o século IV a.C ao IV d.C.

Boiro, 19 de maio de 2011. O Consello da Xunta declarou ben de interese cultural, coa categoría de zona arqueolóxica, a área dos castros de Neixón, no termo municipal de Boiro. A elección desta área, que inclúe o Castro Grande, o Castro Pequeno de
Neixón e a paraxe natural en que se localizan, para a súa declaración como BIC, fundaméntase "nos seus excepcionais valores patrimoniais e na súa singular beleza paisaxística, reunindo no conxunto valores históricos singulares, ambientais e culturais que fan de Neixón un conxunto sobranceiro e de características únicas".
A delimitación da zona arqueolóxica alcanza a dous ámbitos definidos: área de protección integral e contorno de protección. Deste xeito, a área de protección integral abrangue os dous xacementos castrexos, Castro Pequeno e Castro Grande e os espazos anexos inmediatos, coincidindo os seus límites cos da unidade fisiográfica da península de Neixón. Pola súa banda, o contorno de protección é o espazo que dá soporte ambiental á área de protección integral e constitúe un ámbito físico cuxa
alteración podería afectar negativamente os seus valores, estudo e contemplación. Neste ámbito constátase e presúmese a existencia de materiais e/ou restos arqueolóxicos.

Media_httpfarm3static_blcoy

A declaración de ben de interese cultural coa categoría de zona arqueolóxica abrangue a totalidade dos rexistros arqueolóxicos vinculados aos xacementos do Castro Grande e Castro Pequeno de Neixón, incluíndo os bens inmobles, mobles e as evidencias materiais de carácter arqueolóxico e paleoambientais existentes na superficie, subsolo e baixo as augas. O ámbito que comprende a declaración aprobada hoxe polo Consello da Xunta une ao extraordinario valor patrimonial dos castros de Neixón o singular interese paisaxístico da paraxe natural en que se localizan. Así mesmo, a situación dos xacementos sobre unha pequena península ao fondo da ría de Arousa responde a un tipo de localización característica dos castros costeiros do noroeste. O ámbito delimitado como contorno de protección engade ao conxunto arqueolóxico a paraxe natural á que está indisolublemente unido por constituír parte da súa paisaxe cultural, incorporando ademais un sector baixo as augas interiores. Ademais, este ámbito destaca polo seu excepcional valor ambiental, respondendo ao arquetipo da paisaxe rural costeira, que conserva excepcionalmente a parcelación tradicional e un pequeno bosque autóctono na ribeira da praia de Lóbrigo, engadíndolle valor patrimonial ao conxunto arquitectónico formado polo pazo, pombal e hórreo de Ribademar.

Valor patrimonial único
Media_httpfarm3static_uhefd

A Xunta non se refire ao valor inmaterial da zona, onde a comunidade local aínda celebra unha romaría

O carácter paradigmático dos dous xacementos, que abranguen cronoloxicamente e de xeito continuado a totalidade da cultura castrexa do noroeste peninsular, confírelle ao conxunto un valor patrimonial único. Ademais, pola cantidade e calidade da información arqueolóxica que proporcionaron no pasado e seguen a proporcionar na actualidade, estes xacementos constitúen un referente fundamental para o coñecemento da protohistoria de Galicia. O seu destacado interese histórico vén determinado porque esta área arqueolóxica comprende dous dos asentamentos castrexos máis representativos da evolución destas comunidades desde a transición Bronce Final-Ferro I ata a época tardorromana.
Na área máis próxima a terra, o Castro Grande de Neixón identifícase como un poboado cinguido por fosos e unha muralla perimetral, mentres que a 200 metros del, na punta da península, o Castro Pequeno de Neixón constitúe un asentamento máis
antigo e de menores dimensións, tamén delimitado por unha muralla. Segundo diversas datacións, o Castro Pequeno de Neixón atópase entre os castros máis antigos de Galicia, cunha primeira fase de ocupación na transición Bronce Final-Primeira Idade do Ferro, presentando diferentes momentos de ocupación cun desenvolvemento pleno desde o século VI a.C. ata alcanzar o século IV a.C., momento en que as datacións indican que se está a construír o Castro Grande de Neixón, cuxa ocupación abrangue desde o século IV a.C. ata o IV d.C., xa na época tardorromana.

Estes xacementos achegan unha variada cultura material que destaca pola súa amplitude e calidade. O seu estudo segue a achegar datos fundamentais para o coñecemento da protohistoria de Galicia e Europa, en especial o seu material cerámico é referente fundamental na seriación tipolóxica da cerámica castrexa e a súa distribución territorial, localizándose en Neixón todos os tipos que definen a tradición oleira das Rías Baixas. Os materiais cerámicos achados na zona arqueolóxica de Neixón permitiron documentar temperáns contactos comerciais (século VI a.C.) entre o mundo castrexo e entre os circuítos comerciais mediterráneos (iberos, púnicos) e os posteriores entre o mundo romano e as comunidades castrexas do noroeste ata a época tardorromana. Así mesmo os materiais metálicos (especialmente bronce) evidencian unha intensa actividade metalúrxica, que remite ao desenvolvemento desta actividade no noroeste e dentro do marco do circuíto atlántico europeo, adscribíndose os materiais atopados no Castro Pequeno de Neixón a unha ocupación do Ferro I (séculos VII-V a.C.). A punta de Neixón constitúe un fito na historiografía galega, por canto foi un dos primeiros xacementos castrexos escavados, con anterioridade a 1925 por Manuel Otero e Roberto González, e posteriormente por membros do Seminario de Estudos Galegos, en concreto por Florentino López Cuevillas e Fermín Bouza Brey, constituíndo un referente ata a actualidade da arqueoloxía científica galega. A súa investigación desenvolveuse ata a actualidade por membros do Departamento de Arqueoloxía da Universidade de Santiago e do Centro Superior de Investigacións Científicas e actualmente continúa a achegar datos fundamentais para o coñecemento da protohistoria de Galicia e Europa.

Delimitación da zona
A delimitación da zona arqueolóxica de Neixón abrangue dous ámbitos: a área de protección integral e o contorno de protección.

A área de protección integral abrangue os dous xacementos castrexos, Castro Pequeno e Castro Grande e os espazos anexos inmediatos, coincidindo os seus límites cos da unidade fisiográfica da península de Neixón. O punto A sitúase na entrada do predio do Pazo de Ribademar, (coordenadas Huso UTM-29; X: 512.065,59m; Y: 4.723.708,46m), desde aquí continúa en dirección leste, pola marxe esquerda da estrada local que desde a EP-1104, atravesando Quinteiro, leva ao lugar de Neixón ata chegar á confluencia coa pista que desde Neixón leva a Nine, onde se localiza o punto B (coordenadas Huso UTM-29; X: 512.793,51m; Y: 4.723.867,22m). Desde o punto B atravesa en dirección leste a parcela 158 do polígono 736, pola cabeceira sur do campo de fútbol, ata o extremo do peirao de Pedra de Sar onde situamos o punto C (coordenadas Huso UTM-29; X: 513.125,36m; Y: 4.723.891,72m).
Desde o punto C bordea toda a zona costeira da península pola liña da baixa mar escorada ata o extremo leste da praia de San Vicente do Mar na súa confluencia coa pista que desde a EP-1104 leva ao lugar de Neixón, onde situamos o punto D (coordenadas Huso UTM-29; X: 512.367,31m; Y: 4.723.748,19m). Desde o punto D continúa bordeando a praia de San Vicente do mar, segue en dirección oeste ata chegar ao primeiro cruzamento entre a estrada que enlaza a EP-1104 con Neixón e a pista que atravesa Quinteiro, onde situamos o punto E (coordenadas Huso UTM-29; X: 512.086,07m; Y: 4.723.686,81m). Desde o punto E cruza a estrada que enlaza a EP-1104 con Neixón ata a entrada do predio do Pazo de Ribademar onde coincide co punto inicial A. O contorno de protección é o espazo que dá soporte ambiental á área de protección integral; constitúe un ámbito físico cuxa alteración podería afectar negativamente os seus valores, estudo e contemplación. Neste ámbito constátase e  resúmese a existencia de materiais e/ou restos arqueolóxicos.

O punto 1 sitúase na Punta de Areabaste de Quinteiro (coordenadas Huso UTM-29; X: 512.198.56m; Y: 4.723.091,94m) desde aquí continúa cara ao oeste polo limite sur das parcelas 484, 504, 501, 542, e 541 ata o linde suroeste da parcela 560 do polígono 34 coa estrada provincial.
O punto 2 sitúase na confluencia da estrada provincial 1104 co linde suroeste da parcela 560 do polígono 34 (coordenadas Huso UTM-29; X: 511.994.65m; Y: 4.723.203,09m).
O punto 3 sitúase na confluencia da pista que conduce á praia de Lóbrigo coa EP-1104; a delimitación continúa pola marxe dereita desta estrada en dirección norleste ata chegar á desviación que conduce ao núcleo de Quinteiro, onde se sitúa o punto 4 (coordenadas Huso UTM-29; X: 511.986.78m; Y: 4.723.523.91m).
Desde o punto 4 continúase pola pista que conduce polo interior do lugar de Quinteiro ata o cruzamento entre a estrada que enlaza a EP-1104 con Neixón e a pista que atravesa Quinteiro, onde se localiza o punto 5 que coincide co punto E da
delimitación da área arqueolóxica (coordenadas Huso UTM-29; X: 512.086,07m; Y: 4.723.686,81m).

Desde o punto 5, cruzando a estrada, bordéase o predio do Pazo de Ribademar polo camiño que o limita polo oeste ata chegar á confluencia co chamado camiño de Ribademar, no cal se localiza o punto 6 (coordenadas Huso UTM-29; X: 512.053,15m; Y: 4.723.782,24m).
Desde o punto 6, cruzando o camiño de Ribademar, segue na súa marxe norte, para continuar en dirección norleste ata as ultimas casas de Ribademar e primeiras de Nine, no lindeiro leste da parcela 277 do polígono 736 onde se sitúa o punto 7
(coordenadas Huso UTM-29; X: 512.504,52m; Y: 4.723.963,50m).
Desde o punto 7 atravesa a pista ata o linde norte da parcela 270 do polígono 736, continúa cara ao leste polo linde sur da parcela 235 h e b do polígono 736, para atravesar a parcela 235 g, enlazando co camiño de acceso á parcela, e, desde aquí,
continuar cruzando a estrada que conduce de Nine a Neixón ata o extremo norleste do cruce onde situamos o punto 8 (coordenadas Huso UTM-29; X: 512.714,08m; Y: 4.724.029,58m).
Desde este punto 8, pechando a península, séguese a dirección leste pola pequena depresión en que se encaixa a pista que conduce ao peirao de Pedra do Sar, prolongándose a liña delimitadora ata a costa, na liña da baixa mar escorada, onde se
localiza o punto 9 (coordenadas Huso UTM-29; X: 512.752,81m; Y: 4.723.888,39m). Desde o anterior punto o ámbito do contorno alcanza as augas interiores e o leito mariño sinalado no plano anexo (de aproximadamente 200m de largo, medidos desde a liña da baixa mar escorada cara ao exterior da ría (as liñas de base da ría).

Antes, en Certo:

Serie NEIXÓN: A NOSA TORRE, por Xurxo Ayán



Neixón: A nosa torre V
(Bienvenido Mr. Marshall)

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical