Rianxo, 10 de maio de 2011. Catro alumnos e dúas profesoras do IES Félix Muriel de Rianxo regresaron o sábado 7 de Nordhorn, Alemaña, onde tivo lugar o cuarto e último encontro da Asociación Escolar Comenius G.A.T.E., un proxecto no que o IES Félix Muriel vén colaborando nos últimos dous cursos académicos con centros escolares de Grecia, Polonia e Alemaña.
Con esta viaxe son xa nove os alumnos e catro os profesores que tiveron a oportunidade de achegarse a outras rexións europeas. Desta volta exploraron a Baixa Saxonia alemá e mais as localidades fronteirizas holandesas próximas a Nordhorn, onde as autoridades locais encontraron especialmente interesante o proxecto G.A.T. E. porque, tal como afirmou o presidente da administración da comarca Grafschaft Bentheim, proxectos como este axudan ós europeos coñecerse mellor e a entenderse entre si, condición necesaria para manter a paz da que agora desfrutamos en Europa e que as novas xeracións deben lembrar que é moi fráxil.
Sinagoga Memorial, na Wikipedia
Os produtos elaborados colaborativamente polos catro institutos asociados son instrumentos útiles para o mellor entendemento e comprensión entre as catro rexións fronteirizas involucradas, integradas en 8 estados europeos . O último destes produtos foi presentado durante o encontro en Nordhorn. Trátase dun glosario de viaxe en 10 linguas elaborado entre os catro centros e do que o deseño gráfico e a edición foron responsabilidade do instituto rianxeiro. Comprobouse a súa utilidade durante unha actividade co alumnado na que equipos multinacionais debían poder orientarse na cidade de Nordhorn e realizar as tarefas encomendadas coa axuda do glosario G.A.T.E.
Tamén durante o encontro se proxectaron as curtametraxes realizadas polos catro institutos asociados nos que empregando o inglés como lingua común mostran como o glosario elaborado por eles os axudou a manexarse nas linguas dos outros. Así, por exemplo, o alumnado grego usa o galego para pedir bebida e comida nun restaurante , os polacos preguntan a que hora sae o autobús en portugués e os rianxeiros son capaces de falar sobre a vida escolar en alemán o mesmo que os alemáns poden saudar en grego ou en castelán.
Aínda que o proxecto G.A.T.E. finaliza en xuño, a relación entre os centros non remata, xa que unha alumna do IES Félix Muriel cursará estudos no instituto polaco de Korczyna o vindeiro curso no marco do novo programa M.A.C., que permite a mobilidade de alumnado de centros que participaran en asociacións Comenius, igual que o máis coñecido Erasmus permite a mobilidade dos universitarios.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario