30.6.11

Turismo: a conselleira de Mar louva o exemplo do Grupo de Acción Costeira 4, na ría de Muros-Noia, á hora de promocionar o turismo mariñeiro

Noia-Muros, 30 de xuño de 2011.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo como exemplo de promoción do mar de Galicia o plan de mellora do turismo mariñeiro do Grupo de Acción Costeira do seo de Fisterra e ría Muros-Noia (GAC4). A titular de Mar participou hoxe no acto de presentación deste plan a través do que nace o Club de Produto Mar Galaica, formado por empresas de hostalería, museos e centros de interpretación vinculados ao mundo do mar para a realización de actividades e servizos de turismo mariñeiro. Ao acto de presentación tamén asistiu a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo.

Rosa Quintana explicou que esta acción constitúe un exemplo de promoción da calidade dos produtos do mar galegos a través da formación dos operadores dos produtos turísticos, impulsándoos como os mellores embaixadores da nosa cultura, etnografía e patrimonio. Tamén mediante a uniformación de criterios para a promoción e desenvolvemento da oferta, que se consegue co Estándar Finisterrae, un manual sobre boas prácticas creado polo GAC4 para este fin.
Tamén definiu as actuacións do GAC4 como exemplo de unión e integración: a unión porque os participantes deste grupo impulsan de xeito común esta acción para a dinamización do turismo na zona e a integración da oferta co territorio porque o club de turismo aúna todos os produtos que esta área ten que ofrecer no turismo mariñeiro. Fíxoo considerando aos concellos do seo de Fisterra e da ría Muros-Noia unha única estrutura turística e patrimonial que se pode converter nunha referencia para realizar unha estadía estable e non pasaxeira, explicou a conselleira.

Neste sentido a conselleira salientou o bo investimento dos 65.000 euros que o Grupo de Acción Costeira destinou ao plan de mellora do turismo mariñeiro nesta zona e os esforzos das persoas que durante 10 meses de traballo se dedicaron a impulsar esta acción.

Plan de mellora
O plan de mellora do turismo mariñeiro realizado polo GAC4 conclúe unha serie de liñas nas que traballa o grupo. Unha delas é a necesidade de explotar economicamente e con máis rigor o turismo mariñeiro para que os beneficios desta actividade supoñan unha renda complementaria para o sector. Outra liña é a creación dun club de produto de turismo mariñeiro que integre aos sectores do mar, a hostalería e demais servizos, de aí a constitución de Mar Galaica para cumprir esa función. Por último, outra das liñas é a necesidade urxente de lanzar ao mercado unha oferta estruturada.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical