26.7.11

Boiro: o campamento da Espiñeira acolle actividades para potenciar o uso do galego entre a mocidade

  • O secretario xeral de Política Lingüística e o director xeral de Xuventude e Voluntariado presentáronlles a iniciativa "O galego campa" aos máis de 100 rapaces e rapazas que participan no Campamento Xuvenil Espiñeira de Boiro

 

Boiro, 26 de xullo de 2011.- O programa de dinamización lingüística O galego campa xa está nos campamentos de verán da Xunta de Galicia para promover o uso do galego entre a mocidade. O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o director xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro, presentáronlles a semana pasada o programa aos 130 mozos e mozas que están a participar no Campamento Xuvenil Espiñeira, en Boiro, concello que colabora coa Xunta no fomento social do galego a través da Rede de Dinamización Lingüística.

Os dous departamentos da Xunta de Galicia promoven esta nova iniciativa que bota andar este verán e que busca impulsar o desenvolvemento en galego das actividades dos campamentos. Para isto, facilítalles recursos aos monitores e monitoras cos que poder levar a cabo actividades que animen os rapaces e as rapazas a se expresaren na lingua propia de Galicia.

Favorecer a expresividade en galego a través da música
O programa, que ten como destinatarios principais os nenos e nenas de 9 a 12 anos –aínda que é axeitado para as idades comprendidas entre os 6 e os 14 anos–, artéllase arredor do disco Desaparafusador de gominola, que inclúe divertidas propostas musicais de diferentes estilos pensadas para os máis novos. Para a realización do CD, a Xunta contou con voces da música galega de primeira orde, como son Guadi Galego, Najla Shami e Ramón Bermejo.

Da autoría de Celso Fernández, Pedro Pascual e Pablo Pascual son os escritos e a música. Os tres artistas, que acompañaron a Anxo Lorenzo e a Ovidio Rodeiro na presentación do programa, tiveron ocasión de compartir cos rapaces e rapazas do campamento os contidos e o proceso de creación artística dos temas que compoñen o disco e que conxugan melodías tradicionais con estilos como o hip-hop ou o funky.

Estes 130 mozos e mozas, que participan desde o 17 deste mes ao próximo xoves día 28 no campamento de Boiro, tiveron ocasión de conxugar, nos últimos días, as actividades específicas do campamento de Boiro, con obradoiros de dramatización e expresión corporal, propostas teatrais, clown, canción creativa etc., coas propostas do programa O galego campa, baseadas nas cancións do CD.

Actividades lúdicas arredor do disco
A partir do CD, o programa propón unha serie de actividades lúdicas que pretenden favorecer a expresión oral e escrita, así como a expresividade, en galego, no marco das dinámicas colectivas dos campamentos. Para o deseño destas actividades, a Xunta contou coa colaboración da empresa de dinamización lingüística Tagen Ata, que tamén participou na presentación do programa.

Distribución dos materiais en todos os campamentos
A Secretaría Xeral Política Lingüística distribuíu nas últimas semanas os materiais do programa en todos os campamentos de verán que organiza este ano a Xunta de Galicia e nos que está previsto que participen máis de 9.000 rapaces e rapazas. Por outra banda, tamén lles fixo chegar estes recursos aos máis de oitenta concellos que forman parte da Rede de Dinamización Lingüística, para que tamén poidan ser utilizados nos campamentos municipais.

Ademais, co fin de que calquera monitor ou monitora poida acceder aos materiais, tanto os temas do disco como as propostas das actividades poden descargarse na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do enderezo electrónico http://www.xunta.es/linguagalega/o_galego_campa.

Visita ao campamento Virxe de Loreto de Porto do Son
Ademais de presentar o programa O galego campa no campamento de Boiro –no que participarán durante todo o verán 430 rapaces e rapazas de toda Galicia– o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, tamén se desprazou ata o campamento xuvenil Virxe de Loreto situado en Porto do Son. Ao longo de verán, pasarán por estas instalacións máis de 570 mozos e mozas. Este campamento organízase ao abeiro da campaña Acción de verán 2011 que leva a cabo a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar.

Na quenda actual, que abrangue do 17 ao 28 de xullo, están participando nas actividades deste campamento un total de 100 participantes de entre 13 e 15 anos e outros 50 de 14 a 16. Durante a súa estadía, os mozos e mozas poderán gozar de actividades como o kaiak, o surf, o bodyboard, ou a iniciación a escalada.

A campaña Acción de Verán 2011 chegará a máis de 9.000 rapaces
Ao longo de todo o verán participarán nos diferentes programas da campaña Acción de Verán 2011 un total de 9.300 mozos e mozas en toda Galicia. O principal obxectivo da campaña é favorecer a participación da mocidade en múltiples actividades que teñen un compoñente de educación non formal no ámbito do ocio e o tempo libre.

Con esta oferta total, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado incrementa nesta edición as prazas da campaña de verán nun 4,5 por cento máis que en 2010. Para poñer en marcha esta iniciativa, a Xunta destina a estas actividades un orzamento de máis de 3,2 millóns de euros, o que tamén permitirá a contratación de máis dun millar de mozos e mozas como monitores de tempo libre.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical