- Así o establece o Plan Reitor das Illas Atlánticas, presentado hoxe polo conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez
- A finalidade é establecer os criterios de xestión e definir as actuacións neste espazo protexido, decretando un réxime de usos de acordo cunha zonificación
Ribeira, 26 de xullo de 2011.- A Consellería do Medio Rural acaba de dar inicio ao proceso de participación pública sobre o Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, cuxo obxectivo final é procurar compatibilizar a conservación da súa biodiversidade co desenvolvemento das actividades socioeconómicas tradicionais. Deste xeito iniciaba esta mañá en Vigo a súa intervención o conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, o director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García Borregón, e o presidente do Padroado do Parque Nacional, Fernando Garrido. No que atinxe á Illa de Sálvora, que pertence a Ribeira, os fondeos diarios pasan de 10 a 15, cun máximo de 125 persoas en grupos organizados, como se olla no cadro inferior desta información. Samuel Juárez incidiu en que este documento inicial fíxose tendo en conta as demandas e intereses das poboacións residentes na área do Parque Nacional, así como as achegas doutras administracións e entidades, polo que recolle en detalle as propostas de conservación dos espazos marítimo-terrestre das Illas Atlánticas. O seu resultado, remarcou, é froito dun importante esforzo de ano e medio de traballo, contactos e reunións dos diferentes sectores implicados presentes no Padroado do Parque Nacional, coordinados polo seu presidente e polo director-conservador, José Antonio Fernández Bouzas, que tamén estivo presente hoxe na presentación do Plan. O 1 de xullo de 2008 foi transferido a Galicia o Parque Nacional Marítimo - Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, asumindo dende entón a Xunta as funcións de aprobación e execución do PRUX. A súa finalidade é establecer os criterios de xestión e definir as actuacións neste espazo protexido durante o seu período de vixencia, que se fixa en seis anos, sendo o seu ámbito de aplicación os límites establecidos no anexo da Lei 15/2002, polo que se declara o Parque e que inclúe os arquipélagos e o espazo marítimo-terrestre poligonal que rodea ás Illas Cies e aos illotes adxacentes, Illas de Ons e Onza e illotes adxacentes, Sálvora e illotes da súa contorna e illa de Cortegada e Malveiras e outras illas próximas. Zonificación
O traballo desenvolvido dende a Consellería do Medio Rural busca con este documento a mellora da protección deste espazo natural desde unha perspectiva de sostibilidade, buscando a compatibilidade da conservación co uso racional dos recursos naturais. No documento que avanzou hoxe Samuel Juárez establece unhas directrices e criterios xerais de xestión, fixando unhas normas de regulación de usos e actividades, incluíndo o uso público, de acordo cunha zonificación (áreas de “Reserva”, de uso “Restrinxido”, “Moderado”, “Especial” e de “Asentamentos Tradicionais”). Reserva
Segundo o grao de protección, explicou Samuel Juárez, a zona de Reserva engloba áreas que conteñen valores naturais de primeira magnitude ou que acollen procesos de rexeneración que poden cualificarse como perigosas para o uso público. Isto implica que nesta área non se permite o acceso público e está prohibido calquera actividade que no estea relacionada coa xestión ou a investigación. Restrinxido
A zona denominada de uso Restrinxido ten como finalidade garantir a conservación íntegra dos recursos e valores que inclúen, ao mesmo tempo que se proporcionan oportunidades para a realización de certas actividades de reducido ou restrinxido impacto. Máis polo miúdo, nesta zona non está permitido a construción de pistas, edificacións ou instalacións de fábrica de carácter permanente, o tránsito de calquera tipo de embarcación de recreo fóra das áreas delimitadas para tal fin e a navegación de embarcacións de recreo a unha velocidade superior aos 4 nodos. Ademais, tal e como explicou o conselleiro do Medio Rural, nesta zona proponse limitar as distancias para a pesca con artes de cerco e enmalle, non sendo permitido a menos de 100 m da franxa costeira ou 5 metros de profundidade. Así prevé non permitir o uso de rastros remolcados a partir de 15 metros de profundidade, a pesca do bolo nas zonas de alimentación do cormorán cristado delimitadas, ou o uso de trasmallos, miños, vetas y volantillas nas zonas de alimentación de aves mariñas delimitadas, no horario diúrno. Moderado
O PRUX califica como de uso Moderado aquelas áreas dominadas por un ambiente natural, cuxa finalidade é integrar a conservación co uso público e o aproveitamento dos recursos. Esta calificación prevé como usos non permitidos a aproximación de embarcacións de recreo a menos de 100 metros de cetáceos e grupos de aves mariñas, así como o tránsito das mesmas a unha velocidade superior aos 4 nodos, amén de todos aqueles usos prohibidos pola normativa xeral do Parque (entre as que destacan a introdución de especies de carácter exótico invasor, a perturbación da fauna, exceder o cupo diario autorizado para o transporte colectivo, desembarcar na illa en puntos diferentes aos autorizados, a acampada libre ou a instalación de anuncios publicitarios). Especial
O documento denomina como zona de uso Especial ás áreas de reducida extensión nas que se emprazan as construcións e instalacións maiores, cuxa localización no interior do parque considérase necesaria, aquí englóbanse as instalacións de xestión e administración dependentes do Parque e doutras entidades da Administración Pública. Asentamentos tradicionais
Finalmente, a zona denominada de Asentamentos Tradicionais establécese pola existencia de núcleos de poboación dentro do Parque, coa finalidade de compatibilizar os obxectivos deste cun desenvolvemento urbano razoable e controlado, así como coa pervivencia dun estilo de vida tradicional. Así os usos e aproveitamentos tradicionais practicados historicamente no Parque, que non supoñan un impacto negativo significativo nos procesos ecolóxicos, considéranse compatibles e poderán manterse, supeditados á conservación dos valores naturais. A tal fin, cando resulte necesario, se adecuarán en intensidade, forma e demais condicións de realización para garantir a súa compatibilidade cos obxectivos do Parque. Regulación das actividades e participación dos implicados
De acordo con estes principios, no PRUX proponse a regulación das actividades agrarias, o marisqueo e a pesca, así como sobre carga máxima diaria de visitantes. No caso particular da pesca e o marisqueo profesionais contémplase a maiores a elaboración dun Plan Sectorial de Xestión Integral de Recursos do Parque, a desenvolver no prazo máximo de 1 ano desde a aprobación do PRUX. Un plan sectorial que será o documento de planificación e xestión que regule finalmente o conxunto de aproveitamentos de recursos mariños autorizados, remarcou Samuel Juárez. No marco deste plan sectorial desenvolveranse plans de xestión específicos para as diferentes artes de pesca. Canto ás artes de marisqueo de tracción manual, como regra xeral o seu uso considérase permitido, agás nas zonas denominadas “de reserva” e, en todo caso, cóntase sempre –para a regulación específica desta actividade– coa participación e implicación de todos os actores con intereses na materia e así se sinala especificamente no propio texto do plan. En canto ao turismo, e partindo do principio de sostenibilidade que inspira todo o Plan, no PRUX búscase desestacionalizar a afluencia de turistas, promovendo que se manteña durante todo o ano dun xeito máis ou menos estable, aliviándose así a presión que soporta o Parque no verán. Coa experiencia adquirida, sinalou o conselleiro do Medio Rural, o plan prevé uns cupos de capacidade de carga diaria (xúntase anexo coa táboa).Neste sentido fomentaranse fóra da tempada “alta” as visitas guiadas e de carácter educativo. Cronograma para a súa aprobación
Finalmente o conselleiro incidiu en que cumpre lembrar que o PRUX aínda está na primeira fase, someténdose agora o documento á información pública, xa que se trata dun Plan aberto. Neste senso é previsible que nesta semana saia publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio do proceso de inicio de participación pública ao tempo que se manterán reunións cos sectores implicados e interesados en participar no proceso, de cara a establecer un réxime de usos compatibles e autorizables no ámbito do parque nacional. En definitiva, o PRUX o que pretende, subliñou Samuel Juárez, é regular un uso racional dos recursos, buscando a sostenibilidade e a compatibilidade entre conservación e aproveitamento O cronograma a seguir polo PRUX para a súa aprobación definitiva polo Consello da Xunta. e posterior publicación do Decreto, é: Achegamento do documento ao Consejo de la Red de Parques (dependente do Ministerio de Medioambiente, Medio Rural e Mariño) para o seu informe; posteriormente someterase ao Consello Galego de Medio Ambiente; solicítanse Informes das consellerías competentes (preceptivo o da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas); sométese a información pública e audiencia aos interesados; informe preceptivo do Padroado do Parque Nacional e, finalmente, redacción e tramitación do proxecto do decreto.
Neste cadro faise un resumo das cargas máximas diarias de afluencia segundo o PRUX, determinadas no estudo de capacidade de carga que optimiza a afluencia de visitantes así como o de usuarios das zonas de acampada.
Tempada | Arquipélago | Tipo de visitante | |||
Acceso mediante as navieiras autorizadas | Acceso en grupos organizados | Cámping ou área de acampada | Fondeos diarios | ||
Alta | Cíes | 1.800 (2200) | 200 | 550 (800) | 150 (150) |
Ons | 1.200 | 200 | 300 | 80 (60) | |
Sálvora | - | 125 | - | 15 (10) | |
Cortegada | - | 125 | - | 15 (10) | |
Baixa | Cíes | - | 250 | - | - |
Ons | - | 250 | - | - | |
Sálvora | - | 125 | - | - | |
Cortegada | - | 125 | - | - |
*As cifras entre parénteses sinalan os cupos establecidos anteriormente.
**Onde non aparecen cifras (-) é porque non había cupos e se fixan agora.
***Os cupos de fondeos increméntanse, na maior parte dos casos, porque se constatou o civismo dos patróns, en gran parte grazas á colaboración dos clubs náuticos.NOTA: A tempada alta corresponde, de forma orientativa, aos períodos de Semana Santa, fins de semana, festivos e pontes de maio e novembro, así coma o período comprendido entre o 1 de xuño e o 15 de outubro. A tempada baixa sería o resto do ano.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario