27.8.11

Literatura: Francisco Rodríguez presenta a Rosalía en Noia: o desencanto e a lucidez

Por Ramón Torrado

Da Matanza de Padrón ó antigo Matadeiro de Noia, que é onde está ubicado o novo Edificio Administrativo Espírito Santo, foi trasladada por un día a presenza de Rosalía de Castro a través da persoa que probablemente máis sabe dela no mundo. Onte, 26 de agosto do 2010, tivo lugar unha resurreción, ou alomenos un achegamento profundo á máis xenial muller galega, e tamén a todos nós.

      A sala de conferencias quedou pequena para o público, no que se encontraban escritores como Carlos Mosteiro, Ramón Carredano Cobas e Xerardo AgraFoxo, e políticos da esquerda, xunto con investigadores e algunha xuventude de aspecto estudiantil. Había varias fotógrafas profesionais e axitadores culturais, como Lois o irmán do malogrado dramaturgo noiés Xosé Agrelo.

      Como facía Agrelo, o home complexo que é o ferrolán Francisco Rodríguez transfórmase con facilidade nun orador electrizante. Onte, o seu rostro era unha personificación do desencanto. El leva toda a vida loitando pola súa terra galega, e loitando por revelar a imaxe verdadeira de Rosalía, rebelándose contra os escurecedores.

      Unha vez máis no curso dos anos, el esta vez prestouse a desvelar algo do misterio que rodea á estrela de Padrón. A ocasión era presentar un libro no que leva traballando … 30 anos! Trátase de “Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe)”. Un home incansable, congresista moitos anos que mesmo gañou a admiración do Presidente Zapatero, apenas se permitiu uns risos irónicos, brutais e para si mesmo, durante a dura elocución.

      Contou as últimas novidades, case todas basadas en cartas, que van aportando pezas do puzle que retrataría á muller e persoa que era Rosalía: “simpática, imaxinativa, talentosa, honesta, boa cociñeira (preparaba deliciosas empanadas de muxo), e en especial alguén en quen se podía confiar plenamente, como facía o editor católico Soto Freire, que mesmo lle contaba por carta os seus problemas matrimoniais”. Con furia reprimida, Paco contou que aínda hai pouco na Universidade de Santiago se presentaba nas aulas a Rosalía como unha muller inculta, case analfabeta, á que igual era o marido Manuel Murguía quen lle escribía as obras.

      Xa no seu vídeo persoal inicial, duns 12 minutos, no que se ofrece un percorrido polas casas de Rosalía en Compostela – un vídeo moi emocionante, en especial na parte final adicada a Cornes e Conxo – se avisaba do ocultamento que fan os poderes conservadores con Rosalía, deixada a un lado polo Xacobeo, cando Santiago debería ser como o Dublín de Joyce ou a Praga de Kafka, coa diferenza de ser unha muller o corazón cultural. Pois ben, como sinalou o ferrolán, ela segue a ser vítima de nós mesmos na actualidade.

      Así, nun instituto Rodríguez viu como no 125 aniversario do pasamento da autora, as paredes estaban cheas de cartaces honrando a Miguel Hernández, pero nada, tampouco oficialmente, lembraba a Rosalía. Tamén explicou, nun intre vibrante do seu discurso, o contraste en vida de Rosalía coa villana no día de onte: unha muller moi lista, moi rica, moi esixente coa moral excepto para si mesma, e unha muller que loitou contra o galego e a cultura galega. Emilia Pardo Bazán, reaccionaria e vanidosa en extremo, paradoxalmente reverenciada por algunhas feministas segundo sinalou Rodríguez, non dubidou en atacar a Rosalía mesmo cando esta acababa de morrer.

      Con tristura tivemos que escoitar neste novo edificio, grazas a unha das moitas acertadas preguntas que fixo o presentador Xabier Castro, das dramáticas condicións vitais da nosa amada escritora nos derradeiros anos. Sen mencionar xa o cancro de útero, visionamos a súa pobreza, cavando ela mesma na casa da Matanza, abandoada por Murguía (revelouse que nunhas fichas biográficas o escritor de Pontevedra Víctor Said Armesto apunta a que o grande defensor intelectual de Rosalía tiña unha amante daquela en Santiago), quedaba sumida (como o seu fillo Ovidio!, outra revelación) no alcohol, e incluso se adentraba en pensamentos suicidas. Todo, mentres que Dona Emilia era regada con flores e múltiples honores (uns versos ácidos de Rosalía demostran que esta era consciente da inxustiza).

      Máis, preguntouse con ironía Rodríguez, onde está agora Pardo Bazán? Non debería ter unha estatua en Guadalajara? Ela, e os outros escritores galegos en español, “asimilados” – mencionou a Torrente Ballester – acaban sendo esquecidos pola cultura española.

      Pero non por nós! Rosalía de Castro non deberá ser nunca esquecida pola xente da terra que ela tanto amaba. Francisco Rodríguez fundeuse nun abrazo comigo cando xa rematara a presentación. El foi quen me animou a engadir catro capítulos máis á miña biografía novelada inédita da poeta do río Sar. Tal vez porque non coincidimos na relación que ela tivo con Aurelio Aguirre (que non foi mencionado onte, como si o foi outro fiel amigo, Eduardo Pondal), Paco non lembraba o meu nome, pero si tivo o detalle de apuntar na dedicatoria que me fixo o seguinte: “a un fan de Rosalía e a súa obra, que sabe canta bondade e enerxía contén”.

      Quédame por engadir que, durante este memorable acto, que debería ter sido gravado en vídeo para ser reproducido con frecuencia por toda a nosa xeografía, só unha persoa, a amiga Isabel, do Bierzo leonés, se atreveu a intervir. A miña decepcionante timidez impediu que eu preguntase algo, aínda vendo que cada pregunta traía respostas interesantísimas e apartaba sombras. Isabel, como eu mesmo, discrepaba da afirmación de Rodríguez de que Rosalía non é unha escritora romántica. O propio escritor tivo que recoñecer que a primeira novela rosaliana, La hija del mar, creada ós 20 anos, é romántica, e engadiu unha noticia extraordinaria: un prestixioso crítico literario da Universidade de Cambridge, non atado a ningún lastre de autoodio ou prexuízo, quedou abraiado lendo esta novela, e declarou que está entre as mellores en español do século dezanove, e aínda máis: que conta, no episodio da tormenta, cun dos mellores relatos eróticos feitos na lingua de Cervantes.

      Canto queda por descubrir. Se “En las orillas del Sar” é en efecto a mellor obra poética española do século 19, “Follas novas”  é a mellor obra literaria feita en galego de tódolos tempos, e teremos que esperar para ver como é recoñecida no ámbito da literatura universal, ó igual que hai que esperar a que apareza por fin unha biografía de Rosalía de Castro digna dela.

      Polo de agora, grazas a Francisco Rodríguez e a outras persoas encargadas de aportar luces e verdade, iremos xuntando fíos para estar máis fortemente unidos a quen tanto nos dou.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical