31.8.11

Noia: o Concello despediu aos nenos do Sáhara ocupado que desfrutaron as súas vacacións na vila

P1020795

Noia, 31 de agosto de 2011. Hoxe tivo lugar o acto de despedida dos nenos e nenas saharauis que participaron, como cada ano ultimamente, no programa "Vacacións en paz", no concello de Noia. A concelleira de Servizos Sociais, Sofía Caamaño, pronunciou o discurso que se pode ler a continuación. Tamén estiveron presentes neste emotivo acto o Alcalde, Rafael García Guerrero, e a concelleira Marisol Villar.


Discurso de Sofía Caamaño:

Boas tardes a todos e todas:

Quero comezar esta declaración, escusando non ter celebrado, por razóns de cambio de goberno municipal, a habitual recepción aos nenos e nenas saharauis que todos os anos nos acompañan nestes meses de verán; por tanto este ano será só un acto de despedida. Agradecer ás familias acolledoras o seu compromiso con esta causa e felicitar a Solidariedade Galega co Pobo Saharaui polo esforzo e adicación na organización do programa “Vacacións en Paz”.

Como concelleira de Servizos Sociais quero expresar e transmitirvos a solidariedade e simpatía de todos os veciños e veciñas da nosa localidade coa causa do pobo saharaui.

Programas como o de “vacacións en paz” constitúen unha oportunidade inmellorábel para que cativos e cativas, refuxiados nos campamentos de Tinduf, no deserto arxelino, podan disfrutar e coñecer durante varios meses o noso país estreitando lazos de amizade e fraternidade entre familias saharauis e familias galegas. Uns meses nos que as máis grandes vítimas desta inxustiza internacional, os nenos e nenas, poderán gozar dunha vida máis levadeira evitando as complicadas condicións de vida no deserto arxelino, que se fan especialmente duras nestas datas de verán.

Pero as “Vacacións en Paz” tamén son unha chamada de atención aos poderes públicos do noso país e á sociedade galega en xeral, que nos deben conducir á reflexión e tamén á acción: reflexionar sobre unha inxustiza internacional que se prolonga xa desde hai máis de 30 anos, unha inxustiza na que o Estado español ten unha enorme responsabilidade histórica e moral logo de ter consentido a ocupación do territorio do Sáhara Occidental por parte de Marrocos en 1975, incumprindo os mandatos de Nacións Unidas de proceder a súa descolonización e facilitar o exercicio do dereito de autodeterminación do pobo saharaui. Trinta anos despois e logo dunha guerra e do incumprimento por parte da potencia ocupante, dos acordos logrados en 1991 que debían conducir á celebración do referendo de autodeterminación, o certo é que no 2011 aínda 200.000 persoas malviven como refuxiados políticos no deserto máis inhóspito e inhabitábel do planeta.

Por iso non podemos permanecer impasíbeis diante do sufrimento, a opresión e a inxustiza que vive o pobo saharaui.

É certo que os informativos das televisións, cargados de novas internacionais cos focos iluminando outras latitudes do planeta, non nos ensinan a realidade do pobo saharaui. É unha inxustiza esquecida que só a sociedade civil no noso país, e especialmente as familias acolledoras de nenos e nenas saharauis, contribúen a non esquecer. Alguns de vós tivéchedes a oportunidade de convivir cos refuxiados saharauis no deserto arxelino e comprendéchedes e compartíchedes a dureza que significa vivir con tres condeas: a das condicións inhumanas nas que sobreviven; a da vulneración da legalidade internacional que os levou a esa situación e, por último, a do esquecemento e indiferencia internacional. Mais tamén tivéchedes a oportunidade de coñecer e sentir a dignidade e o orgullo dun pobo que resiste e mantén vivas as súas esperanzas de voltar ao seu país.

Nós, como responsabeis políticos, tamén queremos contribuír desde a nosa posición a lograr que, dunha vez por todas, o conflicto se resolva e o pobo saharaui regrese definitivamente aos seus territorios. Por iso desde o concello de Noia e no ano 1993 nos temos irmanado coa daira ou concello de Mahbes, asi como tamén desde hai xa moitos anos vimos colaborando co programa de “Vacacións en Paz”.

Mais isto non é suficiente e o noso compromiso coa causa do pobo saharaui traducirase nos vindeiros anos en novas iniciativas políticas e humanitarias desde o concello como: esixencia aos organismos internacionais e ao estado español o respecto ás resolucións de Nacións Unidas para que o pobo saharaui poda regresar ao seu territorio e reclamación do respecto aos dereitos humanos nos territorios ocupados; levaremos a cabo tamén campañas de sensibilización social, cooperación humanitaria, etc… ).

Remato dándovos novamente a benvida en nome dos veciños e veciñas de Noia, desexándovos que estes meses de estancia no noso concello, no seo das vosas familias de acollida, foran inesquecíbeis e reitero o meu agradecemento ás familias acolledoras polo voso compromiso solidario do que os veciños e veciñas de Noia nos sentimos moi orgullosos.

Moitas grazas.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical