16.8.11

A Pobra: denuncian numerosas deficiencias no recén estreado campo de fútbol de Cadreche

  • O Psoe di que estas instalación son "un símbolo da chapuza e o traballo deixado a medias"
  • Entre as chafalladas: falta de redes que impidan que as pelotas se vaian fóra; falta de iluminación; escasos vestiarios; chans esvaradizos; etc. "Por terra ou por aire, hai un problema coas pelotas", aseguran os socialistas


A Pobra, 16 de agosto de 2011. O Psoe da Pobra vén de denunciar en nota de prensa as deficiencias do recén estreado campo de fútbol de Cadreche. Segundo os socialistas pobrenses, "nn novo campo de fútbol era unha necesidade urxente e moi reclamada polos equipos do pobo. Optouse por  unha nova infraestrutura en Cadreche pero quedaron no camiño cantidade de detalles que fan que esas instalacións deportivas non sexan modélicas e si un símbolo da chapuza e do traballo realizado a medias".

E proseguen: "Dende hai tempo viñamos denunciando as condicións nas que os nosos rapaces máis novos practican o deporte na Pobra. Estas condicións foron noticia en varias ocasións, unhas denunciadas polo PSOE e outras polos propios clubs, e todos criamos que con estas novas instalacións isto corrixiríase pero non é así. As présas primaron por encima dos detalles, ou quizais sexa a falta de cartos para afrontar unhas poucas melloras que farían destas instalacións algo do que fachendear.

Realizando unha inspección visual destas instalacións rapidamente pódense aprezar erros e deficiencias importantes que fan penosa a práctica deportiva nun campo recén estreado, como son a falta de redes que impidan que os balóns se vaian a estrada ou as leiras lindantes , a iluminación insuficiente para a práctica do fútbol, un número insuficiente de vestiarios, chans deslizantes, etc,  ademais de que os arredores do campo se converterán nunha lameira en canto chova.

A altura da rede perimetral fai que os equipos teñan que dispor un número importante de recolle pelotas nos laterais do campo xa que a altura da rede é insuficiente, son máis altas as porterías que a rede que a circunda. Unicamente está preparada para impedir o acceso ao campo e que dubidamos que o consiga. Hai que destacar que nun dos laterais existe un gran desnivel e que no outro está a estrada. Tampouco a rede quedou nivelada co chan porque as pelotas tamén se escapan por debaixo dela: por terra ou por aire, hai un problema coas pelotas.

Con respecto á iluminación todos os usuarios que se queixaron, comentáronnos o insuficiente da mesma, e que nestas condicións dubidan de que se autoricen partidos en horas de pouca luz, pensamos que non é pola intensidade, xa que as torres se divisan desde innumerables lugares do pobo, senón que posiblemente sexa un problema de orientación dos focos, (entre outras cuestións técnicas).

Os vestiarios son insuficientes agora mesmo, cando coinciden os xogadores do Crocha e do Puebla, hai momentos nos que coinciden máis de 40 rapaces ao mesmo tempo, teñen que acceder aos vestiarios por quendas. Esta insuficiencia fai imposible a realización de campionatos fútbol ou fútbol 7 onde haxan máis de dous equipos.

E o dos arredores do campo está á vista de todos xa que unicamente se repartiu unha leve capa de pedriña para facer algo de firme no chan e que desaparecerá, seguro, coas primeiras choivas. En definitiva, un traballo a medias e que só sabe Deus cando se liquidarán estas deficiencias".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical