1.8.11

Ribeira: Fernández Pazos presentou en rústica o seu libro sobre o naufraxio do Santa Isabel

  • A publicación foi presentada polo autor o pasado venres na Sala Museo
  • O autor rescatou a historia do afundimento do correo vapor Santa Isabel neste libro porque se estaba a perder entre rumores e lendas


Ribeira, 30 de xullo de 2011.- Coincidindo co 90º aniversario do afundimento do vapor correo Santa Isabel, o escritor e xornalista ribeirense Xosé María Fernández Pazos acaba de publicar unha reedición revisada do seu libro “Sálvora. Memoria dun Naufraxio. A traxedia do Santa Isabel”, cuxa primeira edición data de 1998 e hoxe non se da atopado. 

Para presentar a reedición acudiu na tarde do venres pasado á Sala Museo Municipal o autor, onde foi recibido polo alcalde Manuel Ruiz e pola concelleira de Cultura Elvira Pisos (tamén estaba prevista a participación no acto de Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios da Xunta, pero finalmente non puido acudir por xurdirlle a última hora un asunto familiar ineludible). 

Medio cento de persoas quixeron acudiron ao evento, no que Fernández Pasos explicou como se interesou pola historia local sendo un rapaz e como por boca da súa avoa Ramona coñeceu o episodio do afundimento do buque, “unha historia da que curiosamente non había apenas referencias nin na prensa dos últimos anos nin no rueiro da vila, senón que todo se reducía a comentarios na rúa nos que se mesturaba a realidade coa imaxinación”. 

O escritor decidiu entonces recompilar datos sobre o naufraxio acontecido na noite do sábado ao domingo do 2 de xaneiro de 1921, no que 213 persoas, entre elas 60 nenos, perderon a vida, constituíndo a maior traxedia marítima da historia de Galicia.

Falsos rumores e lendas negras

Xosé María Fernández aproveitou a súa intervención para aducir a falsidade de certas crenzas que xurdiron a raíz do naufraxio, como a de que os veciños cortaran os dedos dos naufragados para roubar os seus aneis ou a de que os raqueiros ou salteadores de barcos tiveron protagonismo neste suceso. “Todo o contrario, o expediente do xulgado de Mariña realizado polo xuíz instrutor non amosa causa algunha de pillaxe, senón que salienta o heroísmo e a entrega dos mozos da illa e o comportamento destacado dos habitantes de Aguiño”, dixo. 

Tamén se referiu á  apoteótica recepción que se lle fixo en Vigo ás heroínas de Sálvora en novembro de 1921, cando milleiros de persoas aclamaron ás mulleres mentres eran conducidas polas rúas principais da cidade camiño da sede do Concello para seren homenaxeadas. 

En canto ao libro, dividido en catro partes e que ademais de relatar o naufraxio do vapor Santa Isabel se refire a moitas outras historias relacionadas coa illa, o escritor manifestou que moitas persoas lle pediron que reeditase a obra e daí que agora publique esta edición actualizada e en rústica, o que permitirá achegar o seu contido a moita máis xente. Dende Certo convidámolo a que colgue o libro en pdf na Rede, para que calquera interesado nesta historia a poda consultar, agora e no futuro, dende calquera parte do mundo.

Ruiz Rivas salientou que Ribeira precisa xente como José María, que permanentemente estea facendo unha labor de estudo que dignifique a historia do municipio. Sobre esta nova edición, destacou o seu contido mellorado e no que os lectores poderán descubrir moitos feitos curiosos da nosa historia e tamén algunhas lendas negras que o autor desmonta con sólidos argumentos. 

Así mesmo, aproveitou a súa intervención para informar de que o Concello e a Consellería de Medio Rural están traballando na elaboración dun convenio para poñer en valor a aldea de Sálvora. 

Tamén falou na presentación a edil Elvira Pisos, quen destacou a traxectoria profesional do autor en diferentes medios de comunicación, desenvolvendo actualmente o seu labor na Radio Galega, ademais de ser responsable do arquivo sonoro do ente público autonómico. 

Ao final do acto proxectouse un documental sobre o Santo Isabel realizado por Fernández Pazos en 1997.

Pode que tamén lle interese:


Sálvora: 15 fondeos e 125 persoas


Cinema: "Mar Libre", rodada en Sálvora, a Canadá e Shangai



Presentación reedición Sálvora.doc Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical