30.9.11

Noia: moción de urxencia pola desfeita do xacemento de Taramancos

  • Reclámanlle á Xunta información sobre o atopado e o que se está a facer
  • Piden unha liña de subvencións para poder facer estudos arqueolóxicos, etnográficos e históricos nos concellos con patrimonio antigo
  • Tamén lle piden á Xunta que se manteña informados a todos os Concellos galegos onde se realizan escavacións


Chegarase a salvar este xacemento? Ou veremos de novo política de feitos consumados como pasou en Punta Langosteira?

Noia, 30 de setembro de 2011. Hoxe levouse ao pleno de Noia unha moción para intentar parar a desfeita do castro de Taramancos Vello. Como é habitual en Certo, e logo das informacións que ofrecemos estas semanas pasadas, reproducimos a moción íntegra:

URXENCIA

Ante o coñecemento pola prensa nestes dias que durante a escavación en Taramancos se procedeu a retirar parte dos elementos edificatorios sen ter coñecemento oficial desta actuación, faise preciso presentar unha moción urxente para reclamar información antes de que se retiren todos os restos.

MOCIÓN

Nas últimas datas  a prensa local recolle a polémica suscitada pola actuación da Xunta no relativo ao xacemento arqueolóxico aparecido en Taramancos. Da inspección visual do lugar, así como das declaracións feitas por representantes da Xunta de Galicia aos medios de comunicación dedúcese que se retiraron parte dos elementos construtivos, en concreto a cimentación dunha edificacion circular na
parte inferior do xacemento e un muro na parte superior.

O Concello de Noia só ten coñecemento oficial de que se vai facer unha escavación neste lugar e que posteriormente se comunicou a ampliación temporal do prazo de escavación, sen que se nos aporte máis información oficial ningunha ao respecto. Ante a interese público creado polas novas difundidas na prensa  de que se trata de asentamentos de restos de distintos periodos que abarcan desde a Idade
de Bronce ata o século IV, o Concello de Noia de xeito oficial diríxese á Xunta para solicitar a posible conservación dos restos  aparecidos, e mostrámonos parte no expediente.

A única contestación obtida é por parte da Consellería de Medio Ambiente. O conselleiro de Medio Ambiente durante a súa visita á obra indica que é un procedemento habitual, que en Galicia pasa porque hai moitos (castros), e logo por carta indícasenos que o tema está en Patrimonio, e que se está seguindo o trámite.

A pesar de que a Xunta dispón de informes previos desde Maio, en ningún momento se lle informa ao concello de Noia de ningún resultado, nin de ningún informe dunha escavación importante que se está
realizando dentro do termo municipal noiés. Ademais, o Concello de Noia non ten coñecemento de que en ningún momento se analizara a posible conservación dos restos.

Esta actuación, carente de transparencia e da máis mínima e necesaria colaboración interadministrativa é unha mostra máis da falla de sensibilidade do goberno autonómico presidido por Feijóo cara ao noso
Patrimonio, a nosa Historia e a nosa Cultura.

O Concello de Noia, dentro dos limitados recursos económicos, está a facer un enorme esforzo para a conservación do Patrimonio, tentando, na medida das nosas escasas posibilidades, facer estudios previos de investigación, etnográfica e histórica antes de realizar o proxecto e a obra, destinando para iso importantes recursos económicos ou ben conseguíndoos de outras administracións máis preocupadas polo patrimonio que o goberno Popular de Feijóo na Xunta de Galicia. Como exemplos de actuación son a intervención de rehabilitación nos Muiños da Pedrachan, onde a Conselleria de Vivenda dirixida naquel intre por Teresa Táboas, non só financiou o proxecto e a obra senón que tamén asumiu o custe da investigacion arqueolóxica, etnográfica e histórica do lugar e das súas xentes. E de igual xeito na intervención no lugar da Chainza, onde o Ministerio de Cultura tamen custeou os mesmos estudos para o proxecto: "Fabricas da Chaynça" e que non só vai permitir conservar unha fábrica de curtidos do século XVII e a recuperación dunha ponte medieval senón que vai posibilitar ter un mellor coñecemento da nosa historia e das nosas xentes.

Dada a enorme importancia que este xacemento ten para o coñecemento da nosa historia, o noso patrimonio cultural e a importancia económica que ten un xacemento sobre todo de cara ao turismo, o grupo de goberno propón que o pleno da corporación de Noia

ACORDE

1. Solicitar que desde a administración autonómica se informe periodicamente aos concellos onde se realizan intervencións arqueolóxicas por parte da Xunta de Galicia da marcha dos traballos.

2. Solicitar que de xeito inmediato a Xunta de Galicia comunique ao concello de Noia a información e o expediente íntegro relativos á escavación de Taramancos.

3. Solicitar que a Xunta de Galicia informe ao Concello de Noia dos estudos feitos para a conservación dos restos aparecidos no xacemento de Taramancos.

4. Solicitar que a Xunta de Galicia informe ao Concello de Noia se durante a execución das obras se derrubou parte dos restos arqueoloxicos antes de comezar a escavación, en concreto se se afectou
aos posibles elementos defensivos da zona inferior da escavación, onde apareceron as cimentacións das edificacións circulares.

5. Solicitar que a Xunta de Galicia cre unha liña de subvencións para concellos e particulares para financiar estudos e proxectos arqueolóxicos e para estudos etnográficos e históricos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical