A Pobra do Caramiñal, 30 de setembro de 2011. A asociación protectora de animais "Moura" informa de que na praia do Areal na Pobra véñense atopando bolsas con veleno, en concreto para ratas. Fai 12 días que un dos colaboradores desta asociación atopou unha bolsa con raticida medio comida e outra bolsa co mesmo tóxico baleira, en distintos lugares da praia. Aínda que era sospeitoso, pensou que podía ser algo casual. Nembargantes, este mércores 27 de setembro, atopáronse dúas bolsas máis con veleno, parcialmente abertas e en lugares ben visibles do areal, postas sen dúbida co propósito de causar algún tipo de dano aos animais que adoitan pasear por ela, xa que estaban en sitios perfectamente accesibles, separados entre se e onde non podía chegar a auga do mar.
Postos en contacto con xente que pasea os seus cans por esta praia, averiguouse que alomenos en dúas ocasións cans que paseaban por Os Areeiros inxeriron este tipo de veleno. Os dous casos tiveron lugar no último mes. Nunha delas conseguiron sacarlle a bolsa de veleno da boca e o can estivo moi grave, aínda que conseguiu salvarse. Tamén queren denunciar dende "Moura" que un can que estaba abandonado e que pasaba a maior parte do tempo nos arredores desta praia urbana apareceu a semana pasada morto e sen sinais aparentes de violencia. O mesmo aconteceu con outro can na praia da Illa, en Cabío. "E iso sen mencionar as numerosas gaivotas que ultimamente aparecen mortas en praias pobrenses", rematan os de "Moura", que sinalan que xa se presentou denuncia por estes feitos na Policía Local e na Garda Civil da Pobra.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario