- Autorizan á presidenta do Parlamento a abrir os sobres coas declaracións
- Abel Losada insta aos demais grupos a apoiar no próximo Pleno a iniciativa socialista para regular a obriga legal de darlle publicidade aos bens e actividades dos altos cargos da Xunta de Galicia e dos parlamentarios autonómicos
- O portavoz da Área Institucional, José Manuel Lage, recórdalle a Feijóo que será o Parlamento o que aprobe a Lei que regula a publicidade de bens e actividades de tódolos altos cargos , “non só dos conselleiros/as e do Presidente”.
Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2011. O portavoz do Grupo Socialista, Abel Losada, anunciou hoxe que este Grupo Parlamentario vén de facer público o patrimonio dos seus deputados e deputadas. O portavoz do Grupo, o portavoz da Área Institucional, José Manuel Lage, e a viceportavoz María José Caride, presentaron hoxe unha carta no Rexistro da Cámara na que autorizan á presidenta a abrir as declaracións de bens.
Os socialistas galegos, explicou Losada, toman esta decisión facendo “un exercicio de transparencia e responsabilidade” e instou aos demais grupos parlamentarios a seguir o mesmo exemplo e apoiar a iniciativa socialista para regular legalmente a publicidade dos bens e actividades dos altos cargos da Xunta de Galicia.
Losada sinalou que a medida é o “corolario” da acción política deste grupo e dos socialistas a nivel de España, no goberno do Estado, así como noutras comunidades autónomas para facilitar a apertura ao público dos bens e actividades dos deputados e deputadas, así como dos membros dos executivos.
Explicou que o próximo Pleno do Parlamento incluirá unha iniciativa socialista para regular a publicidade dos bens e actividades dos altos cargos da Xunta de Galicia, así como dos parlamentarios e parlamentarias.
Patrimonios públicos
O portavoz da Área Institucional, José Manuel Lage explicou que “hoxe facemos pública a declaración de bens de tódolos deputados e deputadas do grupo socialista” e engadiu que con esta iniciativa “en media hora a presidenta do Parlamento pode dar a coñecer a tódolos cidadáns e cidadás a nosa declaración de patrimonio”.
Lage Tuñas explicou que “o PSdeG non fará ningún acordo entre bambalinas, será o pleno do Parlamento o escenario onde se poida producir un amplo acordo, non supeditado ao executivo”.
Recordoulle a Núñez Feijóo que “será o parlamento o que aprobe unha lei que regule a publicidade dos bens e actividades dos altos cargos da Xunta de Galicia” e precisou que “é ao poder lexislativo ao que lle corresponde lexislar sobre a administracción autonómica e sobre os seus altos cargos e instou a PP e BNG a “chegar a un acordo na próxima sesión plenaria”.
Lage Tuñas valora “positivamente” que o presidente da Xunta “rectifique as reiteradas negativas do Partido Popular nesta materia” e expuso que “veu arrastrado porque sabe que no vindeiro pleno se vai tramitar a nosa proposta”. Engadiu en alusión ao PP que “os mesmos que consideraban hai pouco que xa había controis abondo sobre os patrimonios, agora xa non ven tan mal a nosa proposta”.
Recordou que Pedro Puy –portavoz do Grupo Popular- ten afirmado tanto en xaneiro como en setembro deste mesmo ano que ” non era necesaria mais publicidade nin transparencia, que as declaracións están perfectamente controladas polo Parlamento e a Xunta”.
Predicar co exemplo
José Manuel Lage instou ao presidente da Xunta a votar a favor da iniciativa socialista no vindeiro pleno “como deputado que é” e así poder regular por lei a obriga de facer pública anualmente a declaración de actividades e bens patrimoniais. Explicou que “transparentar as rendas, as actividades, os bens dos altos cargos da Xunta de Galicia así como dos deputados e deputadas é unha decisión que mellora a calidade democrática do noso País”.
Lage Tuñas pediulle tamén á presidenta da Cámara “que consiga que os outros grupos fagan o mesmo e que se abran os sobres dos bens e patrimonios que tódolos deputados e deputadas temos que presentar cando entramos no Parlamento e cando hai algunha modificación no noso patrimonio” e engadiu que “non creo que ninguén teña nada que ocultar”.
Sinalou que “os socialistas predicamos co exemplo, como fixen eu fai agora oito meses” –en alusión á publicación do seu patrimonio- e considerou “saudable que o PP rectifique” e amosouse “moi contento de que a iniciativa do Grupo Socialista se abra camiño e faga posible mais transparencia na vida pública galega”.
Altos cargos da Xunta
Lembrou que, de acordo co decreto do Goberno de Fraga aprobado en 1995, e coa Lei de Transparencia aprobada no Parlamento na pasada lexislatura, a declaración nos rexistros é obrigatoria para os directores xerais, os secretarios xerais, os altos cargos da administración periférica da Xunta e para os directivos e presidentes das entidades que conforman o sector público autonómico así como para os conselleiros e conselleiras e para o presidente.
Explicou así que “será o Parlamento quen determine cómo hai que facelo, igual que se fixo en Castela A Mancha, Andalucía e Estremadura, e non é Feijóo quen determina cómo hai que facer as declaracións de patrimonio senón que terá que ser regulado por lei”.
Dixo que esta medida “non se resolve vía decreto”, senón que a Cámara “decide qué tipo de declaración hai que facer, quén ten que facela e cantos anos ten que estar un alto cargo dando conta das actualizacións do seu patrimonio logo de pasar pola Xunta”.
Parque Móbil
O portavoz da Área Institucional amosou a súa comprensión de que o presidente da Xunta “estea preocupado e non lle guste aparecer como a persoa que se opón á redución do parque móbil da Xunta”, pero lembrou que “en todo caso foron os votos do PP, incluido o seu, os que propiciaron que na Xunta continúen os mesmos privilexios” ao rexeitar no pasado Pleno do Parlamento a iniciativa socialista de reducción do 80% dos vehículos oficiais da Xunta.
Antes, en Certo:
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario