22.9.11

Ribeira: a segunda "Galiña Azul" acubillará a 72 nenos, dúas prazas menos das que prometera xa a conselleira Mato a Torres Colomer

Visita_servizos_sociais

  • O alcalde anunciou que o proxecto básico estará  listo este ano
  • A secretaria xeral de Familia, Susana López Abella, visitou hoxe as novas dependencias de Servizos Sociais

Ribeira, 22 de setembro de 2011.- A segunda gardería pública de que disporá o concello de Ribeira terá capacidade para albergar a 72 nenos e nenas do municipio. Así o anunciou hoxe o alcalde, Manuel Ruiz Rivas, no transcurso dunha visita que realizou ás novas dependencias dos Servizos Sociais e o CIM, acompañando á secretaria xeral de Familia e Benestar da Xunta de Galicia, Susana López Abella. Nun primeiro anuncio desta "Galiña Azul", na pasada precampaña electoral autonómica, a conselleira Beatriz Mato faláralle a Torres Colomer de 74 prazas, como publicamos -nota do Concello tamén- aquí.

Ruiz Rivas explicou outros datos referentes á gardería, como que estará dividida en 8 unidades ou que o seu proxecto básico estará terminado antes de rematar o ano (as previsións apuntan a que a construción da instalación estea lista antes de finalizar o 2012). 

A visita de Susana López Abella serviu tamén para deixar testemuña das excelentes relacións de colaboración existentes entre Secretaría Xeral e Concello. Así, tanto a responsable da Xunta como o rexedor local fixeron fincapé en que están garantidas as achegas autonómicas para dependencia ao Concello nun importe de 198.000 euros e resaltaron tamén o feito de que en Ribeira non existe lista de espera en atención domiciliaria, grazas en boa medida a que este servizo conta con seis profesionais adicionais contratados grazas a colaboración da Xunta vía Secretaría Xeral de Familia e Benestar e Dirección Xeral de Formación. 

Centro de Día

Outra das novidades que transcenderon durante o encontro foi o feito de que o Centro de Día de ámbito comarcal existente na cidade ribeirense vai contar con outras 10 prazas novas, destinadas aos enfermos que padecen alzhéimer ou outras doenzas dexenerativas. 

López Abella loou durante a súa visita as novas dependencias de Servizos Sociais e fixo fincapé na intimidade e comodidade destas instalacións. Pola súa parte, Ruiz Rivas indicou que se está a traballar en dotalas de máis mobiliario. 

Con 581 metros cadrados de superficie, nas oficinas están a prestar o seu servizo dez traballadores. 

O Departamento de Servizos Sociais está distribuído nun espazo de recepción/administración, 11 despachos de técnicos, dúas salas de espera para usuarios, una sala de xuntas unha sala para equipamento informático, un office, un carto da limpeza, un almacén, dous arquivos, dous baños públicos e dous baños para persoal. 

Polo que respecta ao CIM, dispón dun recibidor, tres despachos, dúas aulas, unha sala de espera, dous baños, un carto da limpeza e un arquivo. 

Entre as súas funcións do persoal figuran a de dar información, orientación e asesoramento (3.057 persoas se beneficiaron de xeito directo no 2010 deste concepto), o servizo de axuda no fogar (con atención a 77 unidades familiares), o programa de educación familiar (cun volume de 197 usuarios, 65 deles menores de idade), o proxecto de axudas á escolaridade (29 beneficiarios), prevención e inserción social (con 153 persoas ás que se lle cubriron necesidades básicas e outros casos de aloxamento con carácter de urxencia), acollida e integración de inmigrantes e emigrantes retornados (275 persoas atendidas), programas de dinamización e animación sociocomunitaria para maiores e un longo etcétera.

Antes, en Certo:

Media_httpfarm6static_jsvom

Gardería de 74 prazas para finais de 2012, promete Mato

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical