- Profesionais de medios de comunicación especializados en turismo e náutica dos mercados suízo, alemán e austríaco percorren durante esta semana Galicia e Asturias nunha viaxe de prensa organizada polas comunidades do norte de España que conforman a marca turística España Verde, en colaboración con Turespaña e ‘Villas Marineras’.
- As bisbarras de Barbanza e Noia, unha vez máis, non contan como destino turístico para a Xunta de Galicia
Barbanza e Noia, 22 de setembro de 2011.- Un grupo de periodistas procedentes de Zürich, Viena e Düsseldorf participan durante esta semana nunha viaxe de prensa organizado polas comunidades que conforman a marca turística España Verde –Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi, xunto con Turespaña- en colaboración con ‘Villas Marineras’. Aerzte Journal, Ocean 7 e Spanien-Reisemagazin son os medios nos que se difundirán as reportaxes que durante estes días elaboran os xornalistas coa información que recompilen durante as súas visitas e experiencias turísticas no seu percorrido por algunhas privilexiadas vilas mariñeiras de Galicia e Asturias.
No marco do convenio de colaboración entre o Instituto de Turismo de España, a Sociedad Anónima Pública Basquetour S.A., Turgalicia, a Sociedad Regional de Turismo del Principado de Asturias e a Sociedad Regional de Turismo de Cantabria para o desenvolvemento de accións conxuntas de márketing dos destinos e produtos turísticos asociados á marca España Verde, inclúese esta acción promocional que se desenvolve en colaboración con Villas Marineras e que percorrerá as vilas de Baiona, Sanxenxo, Sada, Ortigueira, Viveiro, Cudillero, Llanes, Ribadesella e Xixón. Os xornalistas non coñecerán os atractivos da vila mariñeira de Rianxo, nin verán o porto de Ribeira, e tampouco se decatarán de que Noia foi, hai séculos, "Porto de Compostela". Por suposto, nin chío do turismo náutico de Porto do Son nin do potencial turismo mariñeiro da Pobra. Dirá algo Arousa-Norte desta discriminación? Fará algo a Asociación Rural de Desenvolvemento Muros-Noia? Ou limitaranse a fundir os fondos europeos en campañas turísticas erráticas, en sinais atrapa-turistas e confunde-propios? E os alcaldes destas bisbarras, van facer algo ao respecto?
‘Villas Marineras’ en España Verde
No seu percorrido por Baiona, os xornalistas visitarán o casco histórico, a réplica da Carabela Pinta, a Virxe da Roca e máis o faro de Cabo Silleiro. En Sanxenxo visitarán a ermida da Nosa Señora da Lanzada, o porto deportivo Xoán Carlos I e o Paseo de Silgar. Desprazaranse posteriormente a Sada e a Ortigueira, facendo unha parada na fábrica de Cerámica de Sargadelos. O Teatro da Beneficiencia e o Museo Ortegalia serán algunhas das paradas que realizarán durante o percorrido. A visita a Galicia completarase percorrendo o porto e o casco histórico de Viveiro.
Xa en Asturias, farán o percorrido Llanes de Cine, no que visitarán a costa e os escenarios nos que tivo lugar a rodaxe de varias producións cinematográficas, así como os miradoiros e as praias máis emblemáticas da cidade. Os cubos da memoria e o Llanes mariñeiro e medieval completarán a visita a esta vila. En Ribadesella visitarán as Cuevas de Tito Bustillo e en Xixón o muro de San Lorenzo e mais o casco histórico.
Ademais de descubrir os aspectos relacionados co carácter mariñeiro destas localidades, os xornalistas poderán gozar da magnífica gastronomía típica de cada unha das vilas e dos seus aloxamentos singulares.
O turismo alemán en Galicia
Accións promocionais deste tipo están dirixidas a incrementar o peso do turismo destes mercados en Galicia que no caso de Alemaña, por exemplo, é xa bastante significativo. O ano pasado o 11,9% dos turistas estranxeiros que se aloxaron en establecementos regrados de Galicia procedían de Alemaña. O mercado alemán é xa o segundo mercado estranxeiro máis importante da comunidade, por detrás de Portugal. En 2010 rexistráronse preto de 90.000 viaxeiros e 160.000 pernoitas nos establecementos hoteleiros da comunidade de turistas procedentes de diferentes puntos do país xermano.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario